A profesora Inmaculada Tomás promove a creación da Rede Española de Microbioloxía Oral

A profesora do Departamento de Estomatoloxía e coordinadora do Oral Sciences Research Group Inmaculada Tomás é unha das promotoras, xunto aos doutores Alejandro Mira e Áurea Simón do Centro Superior de Investigación en Saúde Pública (CSISP), da constitución da Rede Española Microbioloxía Oral (REMORA) dedicada ao fomento da investigación de calidade en España no eido da Microbioloxía Oral de xeito que se contribúa á mellora da diagnose e tratamento das enfermidades orais. A Rede celebrou a principios de mes en Valencia a súa primeira xuntanza científica o que serviu para que diversos grupos presentaran as súas liñas de investigación en disciplinas da Odontoloxía como a Periodoncia, Implantoloxía ou Odontoloxía Preventiva, entre outras, pero co nexo común da Microbioloxía Oral. Así, expuxéronse os últimos avances en temáticas relativas á saliva como método diagnóstico e de prognóstico, estudos in vitro e in situ de biofilms orais ou ás novas tecnoloxías utilizadas en Microbioloxía Oral. REMORA está integrada actualmente por 21 grupos de investigación e aberta á incorporación de novos/as investigadores/as, para o que poderán atopar información sobre a rede e as súas actividades a través do blog http://remoraspain.blogspot.com.es/.