A profesora Inmaculada Tomás publica unha obra cos principais protocolos de manexo odontolóxico en pacientes con necesidades especiais

A profesora da USC Inmaculada Tomás vén de publicar a obra Odontología en Pacientes con Necesidades Especiales na que participan como coautores diversos docentes universitarios e profesionais de toda España especializados en diferentes áreas da estomatoloxía que achegaron a súa experiencia clínica nese ámbito.
Editado pola editorial médica Ripano en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o libro presentouse en outubro na Real Academia de Cirurxía e Medicina de Galicia nun acto no que o seu presidente, o profesor Carro Otero, cualificouno como unha obra “didáctica e atractiva, ben documentada e altamente recomendable para odonto-estomatólogos e médicos, singularmente para os implicados no tratamento das enfermidades especiais que padecen os enfermos estomatolóxicos obxecto da publicación”.
A obra consta de 16 capítulos nos que se expoñen os principais protocolos de manexo odontolóxico en pacientes con necesidades especiais, desde un con parálise cerebral a outro con insuficiencia cardíaca. A descrición destes protocolos implica a avaliación e/ou tratamento de posibles complicacións no gabinete odontolóxico, particularidades sobre a anestesia (local e xeral) e sedación, características específicas asociadas a determinados tratamentos, temporalización e posición na cadeira de brazos dental, así como a selección de fármacos.
A autora é profesora titular da materia ‘Odontoloxía en pacientes medicamente comprometidos’ no Departamento de Estomatoloxía da USC e na actualidade dirixe e coordina unha unidade clínica de odontólogos especializados no manexo odontolóxico de pacientes con necesidades Especiais. A profesora Tomás coordina ademais o Oral Sciences Research Group, un grupo de investigación multidisciplinar da USC no que traballan conxuntamente odontólogos, microbiólogos, matemáticos e bioinformáticos.