A profesora Isabel Morán Cabanas estuda nun libro a literatura medieval na obra de Mário Martins

A profesora de Filoloxía da USC M. Isabel Morán Cabanas e o profesor das Universidades de Lisboa e Aberta de Portugal José Eduardo Franco acaban de publicar en Esfera do Caos o libro É perigoso sintetizar a Idade Média. Literatura medieval e interfaces europeias na obra de Mário Martins, no que convidan a penetrar en textos medievais que informan sobre devocións e vivencias relixiosas, heroes e fazañas cabaleirescas, libros de horas, manuais de comportamento para o cidadán laico, representacións de danzas macabras e mitos que conforman o imaxinario galego e portugués.
Todos estes temas foron especialmente abordados de forma precursora polo medievalista Mário Martins (Torres Novas, 1908 – Lisboa, 1990), empeñado na elaboración dunha historia da cultura en Portugal á luz da espiritualidade e no estudo das relacións do Portugal medieval co resto da Península, moi especialmente con Galicia, e con toda Europa. Sobresae o esforzo deste estudoso na comparación textual minuciosa e na solidez da documentación a propósito de tratados relixiosos, narracións historiográficas, manuais de comportamento, novelas haxiográficas e cabaleirescas, poesías ao divino, teatro e outras manifestacións literarias.
No libro sublíñase a defensa que Mário Martins fai da relativización da periodización, diluíndo a miúdo as fronteiras entre a Idade Media e tempos anteriores e ulteriores e entre os diversos espazos xeográficos, querendo sempre xustificar que non existen épocas nin espazos estancos, senón unha continua asimilación de herdanzas e evolucións.
Mário Martins publicou centenas de artigos de revistas, entradas en dicionarios sobre literatura medieval galega e portuguesa e case vinte libros sobre a Idade Media desde unha perspectiva interdisciplinar (filosófica, literaria, historia, relixiosa e artística). Destacan os seus estudos, entre outros moitos, sobre o franciscanismo, destacando a figura de Frei Álvaro Pais, célebre canonista de orixe galega; sobre as viaxes exóticas con destino ao Alén ou ao Paraíso sobre todo a partir do imaxinario divulgado en fontes celtas que entran no Occidente da Península; sobre a influencia da prosa latina de Petrarca en toda a Península e especialmente en Portugal; sobre diálogos interrelixiosos na Idade Media; sobre textos normativos, regras monacais e a vida intramuros dos conventos; ou sobre o que el chama a “literatura santiaguesa ou compostelana”, referíndose, por exemplo, a determinadas pasaxes dos Autos dos Apóstolos.