Ir o contido principal

A profesora Luz María Gigirey Prieto tomou posesión como decana da Facultade de Óptica e Optometría

O reitor xunto ao equipo decanal da Facultade de Óptica e Optometría. Foto: Santi Alvite
O reitor xunto ao equipo decanal da Facultade de Óptica e Optometría. Foto: Santi Alvite

A profesora Luz María Gigirey Prieto ocupará o decanato da Facultade de Óptica e Optometría outros catro anos logo do acto protocolario de toma de posesión do seu cargo celebrado este mércores 21 en San Xerome presidido polo reitor Juan Casares. A profesora Gigirey Prieto foi reelixida a finais do pasado mes de abril co respaldo do 83% dos votos da Xunta de centro. O seu equipo directivo intégrano ademais a profesora Carmen Bao Varela como vicedecana e o profesor Jorge Gilino Paz como secretario da Facultade. Luz Gigirey xa foi decana entre 2010 e 2014, e anteriormente secretaria académica da Escola de Óptica e Optometría e responsable dos plans de calidade e de desenvolvemento sostible do centro. Para os próximos catro anos, a decana sinalou entre as súas prioridades a acreditación do centro co diploma europeo así como a internacionalización da Facultade a través do establecemento de convenios de colaboración coas principais facultades de Optometría de universidades europeas e a procura de alianzas no contexto iberoamericano. No discurso pronunciado en San Xerome, Gigirey Prieto indicou a súa pretensión de seguir traballando na adaptación do grao de Óptica e Optometría actual ás demandas sociais e europeas da titulación, “unha titulación única e singular non só da USC senón tamén do mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego que habilita para exercer unha profesión regulada por lei”. Outra das apostas do actual equipo decanal será a definición dunha dobre titulación de grao en Farmacia e Óptica e Optometría en colaboración coa Facultade de Farmacia, así como o desenvolvemento da oferta de titulacións de posgrao para a continuación de estudos dos titulados e tituladas deste centro. O labor de Luz María Gigirey incidirá ademais no traballo a prol da mellora continua, a calidade da docencia, asistencia e investigación no centro, coa intención de “mellorar a nosa posición de 5ª titulación máis recoñecido a nivel estatal”. Membro do grupo de investigación G-2092 Optometría, o seu traballo investigador desenvólvese no campo da perda sensorial dual, sobre todo nas persoas maiores, levando a cabo estudos do impacto que a perda visual e auditiva producen na poboación, así como no screening visual e auditivo con repercusións no estado cognitivo dos maiores, que se realizan nos fogares residenciais de maiores dependente da Consellería de Traballo e Benestar social. Ademais colabora coa Consellaría de Sanidade a través dun convenio no asesoramento científico-técnico na adaptación protésica e seguimento dos nenos diagnosticados polo programa Galego de detección da hipoacusia en período neonatal na Comunidade Galega dende 2009. Presidiu o acto protocolario o reitor Juan Casares. Foto: Santi Alvite Ao evento acudiu unha representación do cadro docente da Facultade. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2014.