Ir o contido principal

A profesora Mª Victoria Otero Espinar tomou posesión como decana de Matemáticas

O novo equipo decanal xunto a integrantes do Consello de Dirección da USC
O novo equipo decanal xunto a integrantes do Consello de Dirección da USC

O reitor da USC, Senén Barro, presidiu este mércores 7 en San Xerome o acto protocolario de toma de posesión da profesora Mª Victoria Otero Espinar como decana da Facultade de Matemáticas. A profesora Otero Espinar foi elixida decana nunha Xunta de Facultade celebrada o pasado mes de maio con 61 votos favorables dos 74 emitidos. Acompañarana nestes catro anos de goberno as profesoras Mª Elena Vázquez Abal como vicedecana e Josefina Ling Ling como secretaria.
A docencia, a investigación e a apertura do centro cara o exterior son as tres pedras angulares sobre as que a decana dixo que vertebrará o seu proxecto de xestión, todo elo sustentado pola calidade e a implicación da comunidade universitaria en todos os seus estamentos. Mª Victoria Otero aposta por desenvolver unha investigación de calidade e pola formación de equipos capaces e competitivos. Neste senso avoga por atopar mecanismos que propicien “a incorporación de sangue nova” ante o incremento da idade media do PD Ido centro.
“Queremos que a Facultade sexa un punto de encontro co contorno social” engadiu na súa intervención a profesora Otero, “atendendo a captación de novos alumnos e de estudantado estranxeiro”, e co obxecto de ser unha referencia para a comunidade matemática nacional e internacional e para o tecido produtivo “o que favorecería a innovación tecnolóxica neste ámbito”, subliñou.
A Facultade de Matemáticas é un claro exemplo de bo facer no proceso de adaptación ao novo escenario que viven as universidades. Deste xeito se referiu o reitor Senén Barro na súa quenda á facultade compostelá, engadindo que atender as novas demandas e necesidades da sociedade esixe ás institucións universitarias investigar e formar a futuros profesionais, pero tamén “preocuparse por onde van traballar os nosos egresados e porque teñan a formación axeitada”.
Rematou Senén Barro a súa intervencións subliñando a “singularidade e a responsabilidade” da universidade ante a sociedade, pola súa función na transmisión de coñecemento e tecnoloxía pero tamén pola incidencia desta actividade na mellor ada calidade de vida.
Mª Victoria OteroMaría Victoria Otero Espinar é profesora do Departamento de Análise Matemática, licenciada na USC onde tamén se doutorou. Completou a súa formación con varias estadías en centros estranxeiros como o Laboratoire de Mathématiques (Universidade de Niza), King’s College (Universidade de Cambridge), Mathematics Institude (Universidade de Warwick) College Park Laboratory for Plasma Research (Universidade de Maryland), CMAF (Universidade de Lisboa. Ademais, traballou no centro de investigación IBM- Thomas J. Watson Researc Center.
Membro do grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’, o seu labor investigador céntrase na análise funcional, os sistemas dinámicos e os problemas de contorno en ecuacións diferenciais ordinarias. A nova decana participou en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de trinta artigos científicos en revistas incluídas no JCR, nos que colabora, ademais de con investigadores da USC, con especialistas internacionais como Ravi Agarwal, do Florida Institute of Technology; Hyman Bass, da Columbia University; Paul Glendinning, da Universidade de Cambridge ou con Charles Tresser do centro de investigación de IBM.
Nos últimos anos ten participado na organización de actividades diversas de I+D e divulgación científica, como os proxectos Estalmat Galicia, ‘Iniciación á modelización matemática de fenómenos reais ou MathematiCSI: investigando un delito, do programa Escive que organizan a FECYT e a Axencia Nacional para a Cultura Científica e Tecnolóxica de Portugal.
Ademais, foi membro das comisións organizadoras de múltiples actividades de divulgación matemática, como Papiromáticas, Matemáxicas, Cinemáticas, Teatro Matemático, Malabares matemáticos e Imaxinamática ou da exposición ‘Brevísima historia: de como aprendemos a contar e dos aparellos empregados’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2009.