Ir o contido principal

A profesora María dos Anxos Méndez ofrece este xoves unha charla sobre a primeira etapa da lingua galega na Casa do Saber

O relatorio, organizado pola asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, enmárcase no programa aberto ‘Que foi, como aconteceu’

A profesora de Lingua e Literatura Galega María dos Anxos Méndez Sufuentes, impartirá este xoves, día 7 de marzo, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a conferencia ‘A primeira etapa da lingua galega: Setecentos anos de normalidade’ .

A intervención desta profesora luguesa, que na actualidade imparte docencia no centro de Adultos de Lugo, servirá para abrir a quenda de relatorios programada ao abeiro do ciclo ‘Que foi, como aconteceu’, organizado pola asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, cuxa directiva ten prevista a celebración de novos relatorios en próximas datas sobre temáticas tan variadas como o son o período do Rei Don García, sobre o que falará o profesor Carlos Baliñas Pérez, a desamortización ou a figura de María Castaña e a súa época. María dos Anxos Méndez Sufuentes explicará na súa intervención algúns dos trazos máis destacados do nacemento da lingua galega e das súas orixes. A identidade individual e colectiva que permite o idioma, os ámbitos sociais da oralidade, o novo estado da lingua sen Estado ou a marxinalidade do galego no Estado español serán algúns dos temas que abordará o xoves esta profesora luguesa durante a súa conferencia na Casa do Saber.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2013.