A profesora Rosa Mosquera participa como relatora no Parlamento Europeo nunha conferencia sobre educación agrofestal

A profesora na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e directora do Departamento de Produción Vexetal da USC e presidenta da Federación Agroforestal Europea, Rosa Mosquera Losada, vén de participar como relatora no Parlamento Europeo nunha mesa redonda sobre educación agroforestal desenvolvida baixo o título ‘Educación agroforestal: Construír a agricultura de hoxe e de mañá’ no marco do proxecto AgroFE (Formación agroforestal en Europa).
A sesión celebrada en Bruxelas e na que participaron como relatores diversos investigadores e expertos no eido agroforestal, serviu para por de manifesto a importancia da formación de profesionais como chave para o progresivo desenvolvemento e implantación de prácticas agroforestais nos países europeos. A necesidade de formación no eido agroforestal é a razón pola que o proxecto europeo AgroFE (Formación Agroforestal en Europa) puxo en marcha un sistema formativo adaptado a seis países e aberto á participación de agricultores, estudantes, directivos e formadores de Francia, Bélgica, Reino Unido, Hungría, República Checa e Romanía. Tralo éxito obtido por AgroFE, esta iniciativa ampliarase agora a outras áreas do Mediterráneo e tamén a zonas de montaña coa posta en marcha da iniciativa Agrof-MM. Xunto coa necesidade de avanzar cara a profesionalización de todos os axentes implicados nas prácticas agroforestais, a sesión celebrada no Parlamento europeo e na que interviñeron expertos de distintos países, permitiu tamén remarcar o enfoque agroforestal como un punto de partida para loitar contra o cambio climático.