Unha profesora de San Petersburgo pon de manifesto o complicado das traducións literarias do galego ao ruso

A catedrática de Filoloxía Románica e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova, mantivo estes días diversas reunións académicas con investigadores da USC e impartiu charlas e seminarios cunha temática tan concreta como a tradución de textos literarios ao ruso. No último deles, a desenvolver no Instituto das Lingua Galega, falou precisamente da problemática existente á hora de traducir literatura, nomeadamente poesía, entre linguas tan distantes como o galego e o ruso e destacou a gran diferenza sintáctica entre ambas. Zernova salientou tamén a dificultade de conservar a combinación de rimas e estruturas do texto e o esforzo e coidado á hora de elaborar os criterios de tradución, entre os que destaca conservar a estética do poema. Para a catedrática de San Petersburgo, o principal problema xurdido no transvasamento entre linguas son os fraseoloxismos ("entre o lusco e fusco", "tirar unha cana ao aire"), que ao non ter en moitas ocasións equivalencias en ruso teñen que recorrer a expresións propias “tendo coidado de que non se perda a expresividade do texto”. Tamén pode acontecer, explicou, que haxa en ruso un equivalente completo para unha unidade fraseolóxica galega, pero que esta non se adecúe á estrutura formal e estilística do poema, polo que se teñen que empregar equivalentes non completos que se adapten mellor á forma. Na mesma charla explicou as fases de tradución polas que pasan os textos. Da primeira tradución do lingüista á corrección do poeta, que lle dá forma, para rematar coa última revisión do lingüista. A catedrática destaca que agora isto é posible facelo en dúas fases grazas a que hai persoas formadas en galego en poesía. Para iso, matizou, é importante o labor dos cursos de verán organizados conxuntamente polo ILG e a RAG desde hai vinte e sete anos e dos que ela mesma foi alumna.