A profesora Silvana Longueira, nova secretaria da sociedade española de educación musical
A profesora Silvana Longueira foi elixida como secretaria da Sociedade de Educación Musical do Estado Español (SEM-EE) na súa última asemblea celebrada estes días na Unión Musical de Llíria. O nomeamento abre a posibilidade de establecer una maior visibilidade das iniciativas, experiencias e da investigación que Galicia desenvolve no eido da educación musical.
A colaboración da USC coa SEM-EE, que ten entre os seus socios varios docentes e investigadores da institución compostelá, vén de longo. O ano pasado colaborou no curso de verán ‘ Música, investigación e formación: á procura de converxencia dende a educación’ e en marzo celebrou en Compostela as II JEM ‘Xornadas de Educación Musical. Formación, ensinanza e aprendizaxe en contextos de cambio’.
A SEM-EE é unha sociedade sen ánimo de lucro que busca estimular a educación musical como parte integral da educación xeral, atendendo de forma específica ás necesidades e aos intereses de músicos e profesores do territorio nacional. Serve como enlace con entidades doutros países e está integrada na ISME (Internacional Society for Music Education), entidade promovida e auspiciada pola UNESCO a través do Consello Internacional da Música.
Silvana Longueira é profesora do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social. Forma parte do Grupo de Investigación Terceira Xeración (GI TeXe) e as súas dúas liñas de investigación principais abordan as achegas da educación musical á educación xeral e a educación para un desenvolvemento sostible.
En setembro de 2015 recibiu a Mención de honra ao mérito iberoamericano pedagóxico, investigativo e á produción intelectual pola súa traxectoria de investigación que concede a Rede Iberoamericana de Pedagoxía (REDIPE). Actualmente coordina o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC.