Ir o contido principal

A profesora da Universidade de Cumbria Heather Prince fala este xoves sobre a educación ao aire libre en Humanidades

O relatorio, incluído no programa académico do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, comezará ás 17.30 horas, no salón de graos de Humanidades

A profesora da Universidade de Cumbria Heather Prince ofrece este xoves, a partir das 17.30 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades un relatorio no que abordará as novas tendencias sobre a educación ao aire libre e no exterior.

A exposición desta doutora británica que está recoñecida como experta en cuestións relacionadas coas prácticas educativas no exterior e ao aire libre, encádrase dentro da programación académica do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, un posgrao oficial da USC coordinado polo profesor Uxío Otero Urtaza.

Prince, na súa intervención, explicará como a educación en espazos exteriores ou ao aire libre favorece unha aprendizaxe interdisciplinar, sobre todo no eido das ciencias sociais, ademais de salientar como este tipo de pedagoxías ou experiencias educativas desenvolven sensibilidades ecolóxicas e prácticas sustentables entre as persoas participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2015.