Ir o contido principal

A profesora da USC Rosario Mascato pronuncia unha conferencia sobre a produción poética de Valle-Inclán

A intervención inclúese no ciclo 'Valle-Inclán en Compostela'

A profesora da Facultade de Filoloxía da USC Rosario Mascato Rey intervén este mércores 22 no ciclo de actividades ‘Valle-Inclán en Compostela’, organizado pola Fundación Granell en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. A profesora e investigadora da Cátedra Valle-Inclán da USC pronunciará a conferencia titulada ‘A lírica valleinclaniana: obradoiro literario e proxecto de estética’ nunha sesión que comezará ás 19:30 horas na sede da Fundación.
Con esta xornada, os organizadores do ciclo pretenden traer a debate a parte máis descoñecida da produción valleinclaniana, a súa obra poética, por ter sido tradicionalmente considerada pola crítica como de menor calidade fronte ao seu teatro ou narrativa. Non obstante, nos últimos tempos parecen xurdir novas lecturas que sinalan que a lírica do autor arousán é unha peza chave para abordar un coñecemento máis axustado do seu proxecto literario e estético que se revela incardinado na teoría e na praxe da modernidade artística europea do momento.
Neste contexto, a conferencia de Mascato tratará de achegar ao público o proceso de escrita que Ramón del Valle-Inclán desenvolve “a través dunha constante e consciente reelaboración lingüística, poética e estética”. Trátase dun “dilatado proceso” que achega múltiples e enriquecederas referencias “que universalizan o seu discurso” e amosan “o seu compromiso artístico e ideolóxico coa súa Galicia natal”, sinala a conferenciante.
Rosario MascatoNa actualidade profesora da Facultade de Filoloxía da USC, impartiu docencia previamente nas universidades de Saint Andrews e na Clásica de Lisboa. Dende 1996 desenvolve o seu labor de pescuda integrada no Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC, tendo publicado artigos sobre diferentes temas como a poesía do escritor ourensán como referente dunha poética da modernidade, a relación do escritor co mundo da escena e das artes plásticas do seu tempo, ou a lectura da estética valleinclaniana dende os presupostos do bergsonismo filosófico e literario.
Ademais colaborou en diferentes proxectos de edición como o do facsímil Café con gotas (1999), e é coautora do número monográfico do Anuario Valle-Inclán (2005) dedicado á estadía do escritor en Roma como director da Academia de Belas Artes, entre 1933 e 1936.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2008.