Ir o contido principal

O profesorado poderá asinar electronicamente as actas da próxima convocatoria nas plataformas Vista, Macintosh e Linux

O procedemento tamén se poderá realizar dende o almacén de certificados do navegador instalado en cada ordenador

O profesorado da USC xa poderá na próxima convocatoria de exames asinar dixitalmente as actas dende as plataformas Vista, Macintosh e Linux, algo que ata agora non se podía facer, así como dende o almacén de certificados do navegador, do mesmo xeito que para outras aplicacións que se están a usar fóra da Universidade. A extensión da sinatura electrónica de actas a estas plataformas prodúcese logo do desenvolvemento das dúas primeiras fases dun programa piloto que permitiu resolver as dificultades técnicas observadas na súa implantación. No programa participan as facultades de Filosofía, Ciencias, Matemáticas e Dereito, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as escola de Formación do Profesorado de Lugo e de Relacións Laborais de Santiago.
Para o seu correcto funcionamento reprogramouse completamente o módulo de sinatura. Deste xeito, eliminouse a necesidade de utilizar o programa PKCS 11, permanecendo a aplicación CSP, máis sinxela de utilizar, e unificando os acceso a programas como os utilizados pola Axencia Tributaria, entre outros. Ademais, a dispoñibilidade de certificados no propio almacén do navegador permitirá prescindir de periféricos como o lector de tarxetas ou do propio CSP.
Na Secretaria Virtual do profesorado (https://sec-virtual.usc.es/docentes/Login.asp) atópanse con todo detalle os programas a instalar para o correcto funcionamento deste procedemento así como unha actualización do manual de axuda para a sinatura electrónica.
Restantes centrosO profesorado de centros non incluídos no programa piloto de sinatura electrónica poderán asinar electronicamente as actas da vindeira convocatoria se contan cun certificado dixital de identidade da FNMT albergado no navegador do seu ordenador. Esta procedemento será valido para as plataformas máis frecuentes, como Windows (98, 2000, XP e Vista), Macintosh e Linux, aínda que neste último caso con algunha restrición. Deste xeito, os usuarios poderán prescindir de periféricos adicionais como o lector de tarxetas ou de programas complementarios.
Ademais, tamén se poderá asinar tanto co certificado albergado na TUI como no DNI electrónico. Nestes casos será requisito dispoñer dun lector de tarxetas e dos programas necesarios, dispoñibles na Secretaria Virtual.
Para aclarar calquera dúbida relativa á sinatura electrónica, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Centro de Atención a Usuarios na extensión 55555 ou nos correos cau [at] usc.es (cau[at]usc[dot]es) ou sinaturaelectronica [at] usc.es (sinaturaelectronica[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2008.