Ir o contido principal

Profundan nun congreso sobre os dicionarios e bases de datos multilingües e os colaborativos

De esquerda a dereita, María José Domínguez Vázquez, María José López Couso e Cristina Mourón Figueroa (Foto: SERVIMAV-USC)
De esquerda a dereita, María José Domínguez Vázquez, María José López Couso e Cristina Mourón Figueroa (Foto: SERVIMAV-USC)

A Facultade de Filoloxía acolle estes días o Congreso Internacional MULTILEX ‘Lexicografía multilingüe en rede’, un foro de discusión sobre os dicionarios e bases de datos multilingües e os dicionarios colaborativos desde múltiples perspectivas. O encontro está organizado polo proxecto PORTLEX que conta co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade e ten como investigadora principal á profesora María José Domínguez Vázquez, que participou na inauguración xunto coa decana da facultade, María José López Couso, e a profesora Cristina Mourón Figueroa.

O congreso estrutúrase en diferentes seccións, como son a lexicografía electrónica multilingüe na sociedade actual, as dificultades na elaboración dos dicionarios electrónicos multilingües, os factores de calidade e o papel do usuario neste tipo de repertorios. Tamén se proporcionará unha visión de conxunto dos dicionarios electrónicos multilingües, acompañada da presentación de obras e proxectos concretos. Para responder de maneira axeitada a todos estes temas, o congreso está deseñado en forma de conferencias plenarias, seguidas de coloquio, unha sesión de pósters e unha mesa redonda sobre o presente e o futuro da lexicografía electrónica.

Na reunión danse cita os principais especialistas en cada un dos ámbitos abordados, como Maria Vittoria Calvi, da Università di Milano (Italia); Rufus Gowus, da University of Stellenbosch (Sudáfrica); Ulrich Heid (Universität Stuttgart), Christian Meyer (Technische Universität Darmstadt) e Stefan Schierholz (Universität Nürnberg-Erlangen), de Alemaña; Alberto Simões, do Instituto Politécnico do Cávado e do Ave (Portugal); Sven Tarp, da Aarus University (Dinamarca); Carole Tiberius, do Instituut vooer Nederlandse Lexicologie (Leiden, Holanda); Pedro Fuertes-Olivera, da Universidad de Valladolid; Elena de Miguel e Carlos Alonso, da Autónoma de Madrid; Mario Cal Varela, Manuel González González, Ignacio M. Palacios Martínez e María José Domínguez Vázquez, da Universidade de Santiago; e Xavier Gómez Guinovart e Carlos Valcárcel Riveiro, da Universidade de Vigo. A actividade está patrocinada pola Rede de Lexicografía RELEX, a Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Instituto da Lingua Galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2015.