Profundo pesar na Universidade polo pasamento da profesora Esperanza Guisán

A Universidade de Santiago de Compostela quere manifestar o seu pesar polo falecemento o pasado venres da profesora Esperanza Guisán e súmase á dor da súa familia e amizades.
Diante do seu pasamento, a Facultade de Filosofía da USC fai público o seguinte texto:
“Onte, domingo 29 de novembro, tivo lugar no Tanatorio de Boisaca (Santiago de Compostela) a incineración dos restos mortais da catedrática emérita da USC Esperanza Guisán Seijas, que faleceu o venres 27 de novembro aos 75 anos de idade. Nacida en A Coruña, cursou estudos de filosofía na Universidade de Valencia, e incorporouse posteriormente como docente á Universidade de Santiago de Compostela. Xa dende moi nova realizou estadías en Inglaterra, acadando a cualificación necesaria tanto para realizar importantes traducións como para afondar no pensamento ético anglosaxón, chegando a converterse nunha especialista na obra de John Stuart Mill de amplo recoñecemento internacional. Foi nomeada Vicepresidenta da Sociedade Internacional de Estudos Utilitaristas. No ano 1991 fundou a Sociedade Iberoamericana de Estudos Utilitaristas (SIEU) e puxo en marcha, no 1992, o principal produto desta sociedade: a revista Telos. Dende as aulas composteláns Esperanza Guisán proxectaba con grande vitalidade e vehemencia sobre as súas alumnas e alumnos o espírito crítico característico da filosofía, alentando sempre á defensa da democracia e das liberdades e dereitos fundamentais, e comprometéndose particularmente coa defensa dos dereitos das mulleres. Autora dun bo número de ensaios filosóficos, preocupáballe especialmente o problema da felicidade humana, no que afondou tanto dende posicións utilitaristas como dende os seus estudos sobre o epicureísmo.
Esperanza Guisán foi despedida polos seus familiares, compañeiros e compañeiras, discípulos, amigos e amigas, ex alumnos e ex alumnas, nunha emotiva e sinxela cerimonia laica, acorde co seu espírito crítico e libre, ao calor da amizade, do amor fraterno e filial e co agarimo da reflexión filosófica. Pronunciáronse fermosas palabras que lembraron a súa paixón pola filosofía, a súa entrega ao traballo intelectual, o seu espírito vangardista, a súa extraordinaria vitalidade, o seu permanente sorriso e, sobre todo, a súa convicción de que a felicidade humana é posible. No transcurso do acto de despedida foi caracterizada como unha intelectual vocacional e esixente, unha académica de grande proxección internacional, pero sobre todo como unha muller feliz e xenerosa, xenerosa e feliz, a partes iguais e en todas as facetas da súa vida.
Descanse en paz”