Ir o contido principal

O Programa de Acompañamento de Estudantes comezou en Económicas o seu calendario de actividades coa recepción do participantes

O Programa de Acompañamento de Estudantes comezou en Económicas o seu calendario de actividades coa recepción do participantes
O Programa de Acompañamento de Estudantes comezou en Económicas o seu calendario de actividades coa recepción do participantes

A USC comezou este luns o calendario de actividades do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) polo cal universitarios voluntarios farán de padriños dos alumnos foráneos orientándoos na Universidade e na cidade. Son 220 os mozos matriculados na USC que se mostraron dispostos a ensinarlle a institución académica aos máis de douscentos estudantes de todas as partes do mundo que xa chegaron a Santiago.
Todos eles déronse cita este luns, día 24, na Facultade de Económicas de Santiago nun acto de benvida que presidiu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández. Á presentación asistiron ademais a directora xeral de Política Lingüística, Marisol López; o director xeral de Xuventude e de Solidariedade, Rubén Cela; o concelleiro delegado de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias Iglesias; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; o subdirector xeral de Planificación das Políticas de Retorno e Inmigración, Julio Miras; e a decana da Facultade de Económicas, Maite Cancelo, en representación das institucións que colaboran na organización desta iniciativa.
No acto, o vicerreitor Lourenzo Fernández deu a benvida aos alumnos estranxeiros presentándolle a USC tanto no relativo a titulacións como a centros e servizos que atoparán nos Campus de Santiago e Lugo. Lourenzo Fernández destacou ademais a oferta cultural destas dúas cidades, nas que se asenta a Universidade compostelá, tanto nos eidos musical ou audiovisual como arquitectónico e artístico.
Pola súa banda, Marisol López subliñou o carácter da lingua galega como medio para coñecer o contorno máis inmediato, “queremos que a coñezades para que entendades a nosa maneira de interpretar a vida e o mundo”. Neste senso, Rubén Cela lembrou aos asistentes o carácter pioneiro do Programa de Acompañamento ao tempo que os animou a que “vos sintades aquí como na vosa casa”. Finalmente, Xosé Manuel Iglesias e Carlos Callón convidaron aos participantes no programa a coñecer Galicia e Santiago a través dun maior coñecemento da súa lingua, cultura, arte e mesmo da súa gastronomía.
O programa, que se desenvolverá durante a presente semana e a primeira do mes de outubro, prevé diversas actividades en grupo como visitas guiadas aos dous campus universitarios de Santiago, ao Parlamento Galego, ao patrimonio histórico da USC ou un roteiro histórico pola zona vella de Santiago, así como diversas sesións formativas. Logo da presentación e ao longo de toda a xornada do luns, os participantes no programa realizan unha visita a distintos espazos da institución académica. Ao longo do presente cuadrimestre, o PAE inclúe tamén un mínimo de dez sesións, dunha hora de duración cada unha, de traballo voluntario práctico cos estudantes de intercambio correspondentes.
Programa de AcompañamentoBaseado na figura do ‘fatherhood’ maioritariamente estendida nas Universidades europeas aínda que non tanto nas españolas, este programa de apadriñamento de estudantes estranxeiros pretende facerlle máis doada a súa adaptación á vida universitaria. Deste xeito, respondendo a unha demanda formulada ano tras ano polos alumnos que se achegan á USC, recibirán axuda desde a súa chegada á institución ata integrarse na vida cidadá e nas rutinas universitarias.
A iniciativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e de Solidariedade e a Mesa pola Normalización Lingüística, dentro do seu Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) que ata o de agora está a contar cunha notable aceptación nos eidos onde xa foi desenvolvido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2007.