O programa ARGOS busca equipos interdisciplinares de estudantes para desenvolver proxectos de negocio

A Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) promove a segunda edición de Argos, un programa de creación de equipos emprendedores no que tamén colaboran a incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O seu obxectivo principal é a busca de persoas dispostas a traballar en equipo para desenvolver un proxecto de negocio innovador que supoña unha alternativa laboral real de cara ao futuro. Para participar nesta segunda edición, o prazo de inscrición remata o 9 de xuño. Argos diríxese a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao, así como ao de posgrao, máster ou doutoramento e a titulados/as das últimas promocións e colaboradores ou persoal integrado en grupos de investigación. O programa estrutúrase en tres fases diferentes e comprende formación, a creación de equipos e o asesoramento para a elaborar un plan de empresa. Os/as participantes comezarán a súa formación específica para potenciar o traballo en equipo durante a primeira quincena de setembro. Posteriormente procederase á constitución dos equipos que serán multidisciplinares para potenciar as posibilidades de éxito e finalmente realizarán o seu plan de empresa que deberán presentar ante o xurado para a súa avaliación. Os mellores optan a un dos dous premios de 3.000 euros para desenvolver a súa idea e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. Establécense dúas categorías de participación. Argos Spin é a modalidade para proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún dos resultados de investigacións realizadas na USC e Argos Enxeño para proxectos empresariais xurdidos de ideas de negocio aportadas polos participantes do programa. Para inscribirse hai que cumprimentar o formulario da web http://www.uninova.org onde tamén se poden consultar as bases do programa.