O programa ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’ reuniron a preto de medio millar de participantes

Preto de medio millar de persoas dun total de dezasete concellos galegos participaron este ano nunha nova edición do programa ‘Camiños de coñecemento e experiencia’, deseñado para achegar a universidade ao entorno rural favorecendo que a formación e a investigación poida chegar a difundirse nos concellos rurais e semi-urbanos, particularmente entre as persoas de maior idade. Así, o programa desenvolveuse nos concellos coruñeses de Ordes, O Pino, Arzúa, Vedra, Teo, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Noia, Muros e Serra de Outes; nos de Lalín e A estrada, en Pontevedra; e nos lugueses de Mondoñedo, Monterroso, Ribadeo e Viveiro.
No caso da programación desenvolvida nos concellos da Coruña e Pontevedra, celebráronse catro seminarios cun bloque teórico e o correspondente práctico, sempre relacionado co municipio no que se desenvolvía e a súa contorna. No caso dos concellos da provincia de Lugo, nos que o programa estreouse este ano, foron un total de tres seminarios en cada concello coa mesma metodoloxía que nas outras dúas provincias.
Nos actos de clausura celebrados respectivamente en Santiago e Lugo, os representantes do alumnado Aurora Varela e Gilberto Ares coincidiron en reivindicar a continuidade desta actividade formativa e mesmo a inclusión de novos concellos ademais de resaltar a súa relevancia para a democratización do coñecemento entre a poboación máis maior. O acto celebrado no Paraninfo da Universidade en Santiago foi o máis numeroso e, presidido pola vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, contou coa asistencia de representantes dos distintos municipios e a conferencia da profesora da Facultade de Farmacia Carmen Álvarez Lorenzo. En Lugo, esta sesión de clausura celebrouse na Casa do Saber coa conferencia da profesora Carolina Casal Chico e a asistencia de representes de Mondoñedo e Monterroso.
