O programa de emprendemento Argos premia un novo tipo de escáner industrial e un dispositivo para o coidado dos maiores

Os proxectos Rema e Peral proyect, proclamáronse este xoves 21 vencedores do programa de emprendemento da USC Argos, nas categorías de Argos Spin, para plans de empresa desenvolvidos a partir dalgúns resultados de investigación xerados na USC; e Argos Enxeño, no que compiten propostas xurdidas de ideas de negocio que propuxeron algunhas das persoas participantes, respectivamente. Cada iniciativa recibiu unha achega en metálico de 3.000 euros, 50% para repartir entre os integrantes do equipo e 50% para a empresa xurdida sempre que sexa constituída nos seguintes 12 meses ao ditame do xurado.
Rema propón un novo tipo de escáner industrial por tomografía de neutróns que presenta vantaxes sobre os tradicionais raios-x en termos de eficacia, eficiencia, rapidez, sensibilidade e resolución espacial. Esta tecnoloxía tería como potenciais clientes os principais portos e aduanas na contorna galega, estatal e internacional, cun elevado tráfico de colectores, xa que a eiva que se quere paliar é o feito de que no mundo só se escanee algo máis do 1% dos centos de millóns de colectores circulantes. Ekaterina Kravets, Pablo Cabanelas, Francisco Rodríguez, Magda Prado e Rodrigo Aramayo integran a iniciativa.
Doutra banda, Peral Project, baixo o lema ‘Intelixencia artificial para o que máis che importa’, céntrase no desenvolvemento dun dispositivo para a saúde e o benestar das persoas maiores chamado smartPAL. Detectar enfermidades antes de que aparezan, fomentar a comunicación dende calquera punto e combater o aburrimento e a soidade son os aspectos que constitúen a proposta de valor desta iniciativa. O proxecto, promovido por Ergin Kamberov, César Abilleira e Lucas Campillo, estudantes do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, conta tamén entre os seus artífices con Luis Beltrán, alumno de Veterinaria, o desarrollador web Adrián Freire, e Anxo Fernández, como responsable de márketing. O profesor da USC Roberto Iglesias completa este equipo como asesor técnico.
Na sesión de entrega, presidida polo reitor Antonio López, interviñeron a directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez Cuervo; a subdirectora xeral de Emprego, Mª Belén Liste Lázara; a subdirectora da Oficina Galicia Emprende do IGAPE, Fanny Suárez Mansilla; a xestora de innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Verónica Castelo Liñares; e o director de AVTE, José Luis Villaverde.
Argos é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC que busca sensibilizar e adestrar estudantes e investigadores da USC no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria, a partir dunha filosofía de traballo en equipo e ‘aprender facendo’.
