O programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ ábrese a todos os centros galegos de ensino primario

Co gallo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia o día 11 de febreiro, a Universidade de Santiago de Compostela abre a todos os centros de educación primaria galegos a inscrición en modalidade virtual no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ Trátase dunha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para visibilizar o labor de referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e na que ata o momento só podían participar os centros públicos de Santiago.
Na súa sexta edición, o programa ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA, compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía.
Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero.
A proposta didáctica deste ano componse dos cursos Coas mates pódense gardar segredos, impartido por Elena Vázquez Abal, profesora da Área de Xeometría e Topoloxía da USC; Física Divertida, da man das profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, da Área de Física Aplicada da USC; O pensamento computacional sen tecnoloxía e A enxeñaría e a ciencia, ambos os dous impartidos pola profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CITIUS, Eva Cernadas; AstrónomAs, outro universo por coñecer, coa profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Josefina Ling Ling; Xogando coa luz, impartido polas profesoras e investigadoras Maite Flores, María Aymerich e Carmen Bao da Área de Óptica da USC; Luz, cor e sombra, coas docentes Elena López Lago e Dolores Mouriz Cereijo da mesma área; A maxia que hai detrás da Física, con María José Gómez Calero, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías; Só facemos química cando imos ao laboratorio?, coas docentes Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC; e Computando cunha soa man, con Cecilia Grela, Natalia Costas Lago e M. José Rodríguez Malmierca, investigadoras do CESGA.
Para participar no programa, as persoas responsables dos centros de ensino interesados deberán cumprimentar un formulario de contacto que está dispoñible no portal unhaencadacole.gal. Os centros inscritos recibirán un correo electrónico con instrucións para acceder aos vídeos dos obradoiros e ao resto dos materiais.