Ir o contido principal

O programa Erasmus recibe o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Rolda de prensa de anuncio do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, coa presenza do secretario xeral de Cultura, a directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, o...
Rolda de prensa de anuncio do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, coa presenza do secretario xeral de Cultura, a directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, o...
A directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea recolle o premio no nome do programa Erasmus

O Grupo Compostela de Universidades (CGU) anunciou este venres en rolda de prensa os detalles da entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que se celebrará esta noite no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza de Martine Reicherts, directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, que recollerá o galardón. No acto participarán ademais o presidente do CGU, o reitor da USC, e o secretario xeral de Cultura. Nesta edición, o XIX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia recaeu no programa europeo ERASMUS como recoñecemento á súa promoción dos valores europeos a través da mobilidade de miles de estudantes cada ano. Durante a súa intervención, o reitor Juan Viaño destacou que “o Programa Erasmus foi escollido polo seu traballo a prol da integración europea”, engadindo que “comparte moitos dos valores do Camiño de Santiago”. Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, subliñou que “o programa Erasmus fomenta non só a calidade na educación superior, senón que tamén é unha ferramenta para compartir a herdanza cultural europea”. Martine Reicherts anunciou que a dotación económica do premio –6.000 euros– será asignada á Fundación garagErasmus, unha asociación profesional construída sobre a base da primeira xeración Erasmus. O principal propósito de garagErasmus é estimular a mobilidade en base ao talento e conectar a xeración Erasmus con empresas, recrutadores e investidores en Europa e no mundo. Reicherts sinalou que “a Fundación GaragErasmus amosa que o programa Erasmus madurou e conseguiu fomentar o liderado, tamén a través das novas tecnoloxías”. O Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. Nas tres últimas edicións o Premio recaeu no científico sueco Lennart Levi (2014), a canle europea de noticias Euronews (2013) e o Colexio de Europa (2012). A cerimonia de entrega terá lugar hoxe venres 25 ás 20.30 horas no Colexio de Fonseca, enmarcada na XXI Asemblea Xeral do CGU que este ano se celebra na cidade de Santiago de Compostela. O programa Erasmus: 28 anos promovendo o talento humano en Europa O Programa Erasmus é un programa da Comisión Europea para a mobilidade académica de estudantes, establecido en 1987. Dende entón, a través del arredor de tres millóns de estudantes de toda Europa deron conta de enriquecedoras experiencias de aprendizaxe noutros países. Este programa académico está deseñado para apoiar os esforzos de potenciación do talento e o capital social europeo, ao tempo que sustenta o principio de aprendizaxe permanente tendendo pontes entre a formación formal, non formal e informal nos eidos de educación, da formación práctica e da xuventude. Sesión de apertura da xornada 'A Universidade do século XXI' organizada polo CGU e a USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2015.