Ir o contido principal

O programa de Estadías Científicas de Verán entrega os diplomas aos alumnos da primeira quenda

A USC, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, son as únicas universidades españolas que acollen este programa que a partir do día 16 iniciará unha segunda quenda de traballo

Os vinte e cinco alumnos de España e Portugal, procedentes do ensino secundario e do Bacharelato, seleccionados para participar na terceira edición do Programa Escive (Estancias Científicas de Verano) rematarán o vindeiro luns 13 as súas actividades coa presentación de proxectos. Escive é unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia e la Tecnología (FECYT) e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal.
A clausura desta primeira quenda do programa de Estadías celebrarase o mesmo luns 13 a partir das 13:00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. O acto, no que tamén se lle entregará un diploma acreditativo aos rapaces, contará coas intervencións da vicerreitora de Investigación e Innovación, Mª José Alonso, e da directora xeral da FECYT, Lourdes Arana. Tamén estarán presentes o director xeral de Educación, Formación e Innovación da Xunta de Galicia, José L. Mira; a coordinadora do programa Escive, Maribel Braña; e o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Luis Hervella.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son as únicas dúas universidades españolas que acollen este programa que pretende achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.
O programa, cun amplo abano de actividades tanto de carácter científico como de lecer e social, recibirá entre os días 16 e 23 un segundo grupo de estudantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2009.