O programa de Estadías Científicas de Verán entregou os diplomas aos vinte e cinco alumnos da primeira quenda
Os vinte e cinco alumnos de España e Portugal, procedentes do ensino secundario e do Bacharelato, seleccionados para participar na terceira edición do Programa Escive (Estancias Científicas de Verano) remataron este luns 13 as súas actividades coa presentación de proxectos. Escive é unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia e la Tecnología (FECYT) e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal. O programa, cun amplo abano de actividades tanto de carácter científico como de lecer e social, recibirá entre os días 16 e 23 un segundo grupo de estudantes.
A clausura da primeira quenda do programa de Estadías celebrouse no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. O acto, no que tamén se lle entregou un diploma acreditativo aos rapaces, contou coas intervencións da vicerreitora de Investigación e Innovación, Mª José Alonso; da directora xeral da FECYT, Lourdes Arana; e da directora do Programa Ciencia Viva, Ana Noronha. Tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación e Innovación da Xunta de Galicia, José L. Mira; e a coordinadora do programa Escive, Maribel Braña; o coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son as únicas dúas universidades españolas que acollen este programa que pretende achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.
Para cumprir os seus obxectivos, o programa impulsa o contacto dos estudantes co traballo cotián dos investigadores en departamentos de investigación de universidades e institucións de ambos países. Ademais, lles ofrece a posibilidade de coñecer a aplicación do método científico a distintos ámbitos laborais facilitándolles as ferramentas necesarias para poder comunicar os resultados das técnicas aplicadas.
O total de alumnos seleccionados nesta terceira edición de Escive organízase en grupos distintos cada un dos cales terá un proxecto asignado. Nesta quenda, os proxectos propostos son ‘Augas residuais. Como eliminar a contaminación’, a cargo de Gumersindo Feijoo; ‘La tele que más mola’, do que é responsable Xosé Pereira; ‘Os musgos, detectives do aire’, de Jesús Aboal; ‘MathematCSI: investigando un delito’, a cargo de Mª Victoria Otero; ‘Enfermidades neurodexenerativas: do laboratorio á clínica’, coordinado por José L. Relova; e ‘¡Vivir, domir, tal vez soñar!, do que se responsabilizan Ángela Peñalva e Ignacio Muñoz.