Ir o contido principal

O programa de Estadías Científicas de Verán pecha a súa terceira edición coa entrega os diplomas

A USC, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, son as únicas universidades españolas que acolleron este programa

Os trinta alumnos de España e Portugal, procedentes do ensino secundario e do Bacharelato, seleccionados para participar na terceira edición do Programa Escive (Estancias Científicas de Verano) rematarán este xoves 23 as súas actividades coa presentación de proxectos. Escive é unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia e la Tecnología (FECYT) e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal.
A clausura desta segunda quenda de rapaces, coa que remata esta edición do programa de Estadías, celebrarase a partir das 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados (CEA). O acto, no que tamén se lle entregará un diploma acreditativo aos rapaces, contará coas intervencións do vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, a coordinadora do programa Escive, Maribel Braña; a coordinadora do Programa Ciencia Viva, Verónica Iglesias; e o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Luis Hervella.
Con anterioridade ao acto de clausura, a partir das 10:00 horas no mesmo CEA, os alumnos presentarán de forma gráfica e teatral o traballo desenvolvido ao longo da súa estadía na Universidade. En todos os proxectos, a valoración do resultado é, segundo os responsables da iniciativa, altamente satisfactorio tanto por parte dos alumnos como polos monitores e profesores participantes.
O total de alumnos seleccionados nesta terceira edición de Escive organizáronse en grupos distintos cada un dos cales tivo un proxecto asignado. Os proxectos propostos foron ‘Augas residuais. Como eliminar a contaminación’, a cargo de Gumersindo Feijoo e José Luis Campos; ‘La tele que más mola’, do que son responsables Xosé Pereira e Manuel Gago; ‘Os musgos, detectives do aire’, de Jesús Aboa le Ángel Fernández; ‘MathematCSI: investigando un delito’, a cargo de Mª Victoria Otero e Rosana Rodríguez; ‘Enfermidades neurodexenerativas: do laboratorio á clínica’, coordinado por José L. Relova e Rosalía Gallego; e ‘¡Vivir, domir, tal vez soñar!, do que se responsabilizan Ángela Peñalva e Ignacio Muñoz.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son as únicas dúas universidades españolas que acollen este programa que pretende achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2009.