Ir o contido principal

O programa de Estadías Científicas de Verán recibe a outros trinta estudantes portugueses e españois

A USC, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, son as únicas universidades españolas que acollen este programa

Trinta alumnos españois e portugueses procedentes do ensino secundario e do Bacharelato iniciaron este luns no Colexio Maior Fonseca a segunda quenda das actividades do Programa de Estancias Científicas de Verano (Escive), unha iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal. Os rapaces, dezaoito españois e doce portugueses, foron recibidos polo vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, ao que acompañaron tamén a coordinadora do programa pola USC, Mª Isabel Braña; o coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella; e os profesores dos proxectos implicados no desenvolvemento do programa. Con anterioridade a este grupo, a comezos do presente mes de xullo, outros vinte e cinco estudantes pasaron polas aulas da USC dentro deste programa.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son ás únicas dúas universidades españolas que acollen Escive, actividade que pretende achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.
Para cumprir os seus obxectivos, o programa impulsa o contacto dos estudantes co traballo cotián dos investigadores en departamentos de investigación de universidades e institucións de ambos países. Ademais, lles ofrece a posibilidade de coñecer a aplicación do método científico a distintos ámbitos laborais facilitándolles as ferramentas necesarias para poder comunicar os resultados das técnicas aplicadas.
O total de alumnos organizaranse en grupos distintos cada un dos cales terá un proxecto asignado. Nesta quenda, os proxectos propostos son ‘Augas residuais. Como eliminar a contaminación’, a cargo de Gumersindo Feijoo; ‘La tele que más mola’, do que é responsable Xosé Pereira; ‘Os musgos, detectives do aire’, de Jesús Aboal; ‘MathematCSI: investigando un delito’, a cargo de Mª Victoria Otero; ‘Enfermidades neurodexenerativas: do laboratorio á clínica’, coordinado por José L. Relova; e ‘¡Vivir, domir, tal vez soñar!, do que se responsabilizan Ángela Peñalva e Ignacio Muñoz.
O programa vaise estender ata o próximo día 23 cun amplo abano de actividades, tanto de carácter científico como de lecer e social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2009.