O Programa de Estudos en Man Común (PEMAN), espazo crítico de pensamento e acción sobre ruralidades, feminismos e comúns
O Programa de Estudos en Man Común (PEMAN), ruralidades, feminismos e comúns, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, que coordina o profesor Lourenzo Ferández Prito, en colaboración con outros sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e o colectivo Montenoso, pretende converterse nun espazo crítico de pensamento e acción, contando cunha rede de colaboradores que conecta distintos grupos de investigación, comunidades de montes, centros de arte contemporáneo, colectivos, movementos sociais e institucións diversas, que se xuntan para “colaborar na construcción de novas narrativas que aborden os tres eixos epistémicos: comúns, ruralidades e feminismos”.
Co obxectivo de facilitar unha maior apertura, o propio Programa ven de lanzar unha convocatoria para que persoas ou colectivos poidan enviar propostas para dinamizar as sesións que terán lugar ao longo do ano 2016/2017 e que sexan de carácter transdisciplinar na intersección entre arte, ciencia e sociedade, vinculando estes mundos, hibridándoos, en definitiva, tecendo relacións entre si.
A través desta convocatoria, o Programa busca sete persoas ou colectivos que queiran candidarse a facer unha proposta para dinamizar cada un destes Módulos (re)produtivos e que ha consistir en achegarse a un eixo temático, unha proposta de metodoloxia e un marco referencial no que esta sesión se inserta. A temática destes módulos (re)produtivos será libre, sempre que xire arredor dos 3 grandes eixos temáticos do PEMAN. O prazo de presentación das candidaturas remata o día 12 deste mes de agosto e o correo electrónico de contacto co Programa é: info [at] estudosenmancomun.gal (info[at]estudosenmancomun[dot]gal)
O Programa investiga sobre o mancomún e a súa relectura e aprendizaxe, enlazándose con outras formas de facer comúns, así como coas vellas e novas formas de vivir o medio rural, ou as ruralidades non normativas. Aposta pola investigación ao redor dos feminismos, a través dos cales se repensan estratexias de res(ex)istencia, recuperando e (rei)vindicando a micropolítica.
A convocatoria enmárcase dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns que está co-financiado a través da convocatoria impulsada pola Fundación Daniel & Nina Carasso Arte Cidadá 2015 - Compoñer o saber para comprender mellor os desafíos do mundo contemporáneo.
Os promotores do programa queren dar resposta ás seguintes preguntas: Como afectan os comúns á xestión da terra? Poden os comúns practicarse noutros contextos? Pode o feminismo axudar a establecer outros vínculos entre as ruralidades e os comúns? Os movementos sociais son/fan parte da creación contemporánea á hora de tecer novos relatos? É posible pór a vida no centro? Como é o rural hoxe? Que relacións se dan entre a cidade e o campo? Que poder transformador ten a hibridación dos comúns, as ruralidades e os feminismos?...