Ir o contido principal

O programa europeo Erasmus gaña o XIX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

Para emitir o seu ditame, o xurado celebrou unha xuntanza en Compostela. Foto: Santi Alvite
Para emitir o seu ditame, o xurado celebrou unha xuntanza en Compostela. Foto: Santi Alvite
A Fundación garagErasmus recibirá a atribución económica do Premio, que se entregará en Santiago o 25 de setembro

O presidente do Grupo Compostela de Universidades (CGU), Maurits van Rooijen, anunciou este venres a decisión de entregar o XIX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia ao programa europeo ERASMUS como recoñecemento á súa promoción dos valores europeos a través da mobilidade de miles de estudantes cada ano. A cerimonia de entrega terá lugar o 25 de setembro de 2015 no marco da XXI Asemblea Xeral do CGU na Universidade de Santiago. O presidente do CGU comunicou o nome do gañador no marco da conferencia de lanzamento da nova Asociación de Estudantes e Ex Alumnos Erasmus + que se celebra en Bruxelas. Durante a súa intervención, Maurits van Rooijen subliñou que “os valores que inspiran o programa Erasmus son similares aos valores do Camiño de Santiago, esencia do Grupo Compostela de Universidades e o seu Premio; ademais, constitúe unha ferramenta de intercambio cultural entre a cidadanía europea, afondando na identidade e na cohesión social de Europa”. Os representantes do programa Erasmus anunciaron que a dotación económica do premio (6.000 euros) será asignada á Fundación garagErasmus, unha asociación profesional construída sobre a base da primeira xeración Erasmus e que tenta estimular a mobililidade en base ao talento e conectar a xeración Erasmus con empresas, recrutadores e investidores en Europa e no mundo. 28 anos promovendo o talento humano en Europa Erasmus é un programa da Comisión Europea para a mobilidade académica de estudantes establecido en 1987. Dende entón, arredor de tres millóns de estudantes de toda Europa deron conta de enriquecedoras experiencias de aprendizaxe noutros países. Este programa académico está deseñado para apoiar os esforzos de potenciación do talento e o capital social europeo, ao tempo que sustenta o principio de aprendizaxe permanente, tendendo pontes entre a formación formal, non formal e informal nos eidos de educación, da formación práctica e da xuventude. Longa traxectoria O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior. Creada en 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente o CGU está formado por arredor de 70 membros de todo o mundo, o cal se traduce en máis de 150.000 persoas traballando nas universidades e arredor de 1,3 millóns de estudantes. Dende a súa creación en 1997, o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. Nas tres últimas edicións recaeu no científico sueco Lennart Levi (2014), a canle europea de noticias Euronews (2013), e o Colexio de Europa (2012).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2015.