Ir o contido principal

O programa Explorer premia na USC a revista audiovisual lifestyle A Cousa e o dispositivo virtual de IA Peral Project

Finalistas, gañadoras e xurado do Explorer USC no Campus de Lugo
Finalistas, gañadoras e xurado do Explorer USC no Campus de Lugo
A consultora de recursos humanos MA&T e Fishealab, que achega solucións saudables en acuicultura resultaron galardoados en Compostela na última edición dun programa de emprendemento promovido polo Santander que tamén distinguiu as propostas de estudo de deseño creativo de produtos LivDesignia e unha clínica de dietética e nutrición xerminadas na sede universitaria luguesa

O programa de emprendemento universitario USC Explorer, promovido polo Santander e organizado desde a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da institución académica, premiou na súa última edición o proxecto Lifestyle, unha proposta xerminada en Compostela que se concretaría na edición dunha revista audiovisual para a xeración Z con difusión a través das Redes Sociais, e o dispositivo Peral Project, que facilita técnicas de IA e visión artificial para a industria alimentaria ao tempo que cumpre funcións de asistente virtual.

Os comités encargados de resolver a última convocatoria de ideas empresariais innovadoras xurdidas ao abeiro do programa USC-Explorer, no que tomaron parte 15 equipos (7 en Santiago e 8 en Lugo) fixeron pública a súa decisión tralas sesións de presentación das propostas celebradas no Espazo Explorer do Edificio Emprendia de Compostela e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.

O xurado encargado de determinar as propostas gañadoras entre as sete presentadas en Compostela estivo formado polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde; José Martínez Casal, en representación da Dirección xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, e polo director Oficina Banco Santander Campus Sur USC, Óscar Castro Campos. Logo de asistir á presentación das distintas iniciativas emprendedoras e tras escoller a gañadora, o tribunal tamén acordou distinguir co segundo premio a proposta de consultora de recursos humanos MA&T. O terceiro galardón recaeu en Fishealab, unha idea de negocio orientada a aportar solucións para a saúde en acuicultura e que xa conta cun primeiro desenvolvemento de vacinas fronte á pasteurelose.

Campus de Lugo

O decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Roberto Bande Ramudo, e a delegada do reitor para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, actuaron como anfitrións da sesión de presentación dos 8 proxectos emprendedores finalistas deste edición do programa Explorer. O director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde; José Martínez Casal, en representación da Dirección xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; o director da oficina do Santander no Campus de Lugo, Alejandro Álvarez; o director de Actividades en Lug Open Factory, Xosé L. Garza Silvela; o CEO de Innogando S.L., Elio López, e o cofundador e CEO de Aleutos Solutions S.L. José Luis Gude Pereira, completaron a relación de integrantes dun tribunal que logo de proclamar gañadora a proposta Peral Project, tamén distinguiu co segundo e terceiro premio, respectivamente, os proxectos LivDesignia, unha proposta que se concreta nun estudo creativo de deseño de produto, marca e comunicación dixital que axuda a emprendedores y empresas en vías de desenvolvemento, e unha clínica de dietética e nutrición accesible especializada en nutrición clínica, hormonal e deportiva.

Finalistas, gañadoras e xurado do Explorer USC no Campus de Santiago
Finalistas, gañadoras e xurado do Explorer USC no Campus de Santiago
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2022.