O programa formativo da Aula de Teatro da USC dedicará este curso 300 horas a diferentes aspectos da interpretación e a dirección teatral
O prazo de matrícula no programa de formación da Aula de Teatro da USC para este curso abrirá o próximo luns 22 tanto para o módulo de interpretación como para o de dirección, ambos os dous compatibles en horarios. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesas deben dirixirse á Área de Cultura da USC na Reitoría compostelá ou ao teléfono 881.811.018 ou 881.811.103. Na modalidade de dirección, a programación docente impartirase en distintas datas entre outubro a abril cunha carga lectiva de 6 créditos ECTS, vertebrados en tres módulos nos que se tratarán os conceptos básicos de dramaturxia e dirección e iluminación; a posta en escena; e se abordarán, a través dun monográfico en colaboración coa compañía residente deste ano (Voador), as particularidades da creación teatral. O apartado dedicado á interpretación, igualmente cunha carga lectiva de 6 créditos ECTS, estrutúrase en tres módulos temáticos sobre a creación dun personaxe (que inclúe a colaboración coa compañía residente Bocaberta); ferramentas do traballo creativo; e, en formato monográfico, un terceiro apartado sobre interpretación no que participará a compañía Voadora.