Ir o contido principal

O programa Iacobus trae á Vicerreitoría de Lugo medio cento de estudantes de Arquitectura en A Coruña, Francia e Alemaña

De esquerda a dereita, Felipe Peña, Anne Beer, López Orozco, García Herradón, Yves Cottier e Celso Rodríguez Cao, na Casa do Saber de Lugo
De esquerda a dereita, Felipe Peña, Anne Beer, López Orozco, García Herradón, Yves Cottier e Celso Rodríguez Cao, na Casa do Saber de Lugo
Pedro García Herradón recibiu na Casa do Saber a expedición universitaria, que visitou os restos do templo de Mitra antes de facer un recorrido pola cidade

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, recibiu na Casa do Saber do campus de Lugo a preto de medio centenar de estudantes de Arquitectura nas escolas da Universidade de A Coruña, Clermont Ferrand, de Francia, e Regensburg, de Alemaña, no transcurso dun acto no que tamén estivo presente o alcalde de Lugo, José López Orozco, así como o arquitecto e profesor da UDC Felipe Peña, ademais de representantes das escolas de arquitectura Clermont Ferrand, de Francia, e Regensburg, de Alemaña, que participan no programa Iacobus de rehabilitación do patrimonio europeo desde o ano 1994.

García Herradón e López Orozco deron a benvida ao campus e á cidade a unha comitiva universitaria que chega a Lugo da man do programa Iacobus para analizar sobre o terreo o Pazo de Dona Urraca, unha infraestrutura gravemente deteriorada, a fin de presentar logo as súas propostas para a reconversión deste inmoble na cinemateca de Galicia, unha nova dotación que actuaría como centro de arquivo, conservación, estudo e divulgación do cine galego. Os estudantes de Arquitectura chegados onte á capital luguesa non puideron acceder ao interior do Pazo de Dona Urraca, propiedade da Xunta de Galicia, que desaconsellou a entrada no inmoble por motivos de seguridade. Aínda así, os estudantes de Arquitectura si tiveron ocasión de coñecer de primeira man o xacemento romano ‘A Domus do Mitreo de Lucus Augusti’ achado nas escavacións do solar contiguo á sede de Vicerreitoría de Lugo e no que actualmente se empraza a Casa do Saber, dous proxectos arquitectónicos cuxa autoría corresponde a Felipe Peña. O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, que dirixiu a investigación arqueolóxica e as escavacións feitas neste xacemento romano, ocupouse de explicar aos visitantes a importancia dos restos achados e o seu significado. Unha vez rematada esta visita guiada, a comitiva universitaria gozou de tempo libre para coñecer a cidade de Lugo e visitar algúns dos seus elementos patrimoniais máis significados, como o son a muralla ou a catedral. O profesor Felipe Peña aproveitou a recepción ofrecida pola Universidade de Santiago e polo Concello de Lugo aos participantes no programa Iacobus de rehabilitación do patrimonio europeo para adiantar ao vicerreitor de Lugo e ao alcalde da cidade que parte dos estudantes volverán o ano que vén para presentar as súas respectivas propostas para a rehabilitación e reconversión do Pazo de Dona Urraca na cinemateca de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2013.