O programa 'e+s Miño' da USC promove unha xornada sobre ecoinnovación en Castro de Rei
O programa ‘e+s Miño’, que promove a USC en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e que financia o Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad, organiza este luns 15 a xornada ‘Xestión da ecoinnovación: utilizar o aprendido’, que se desenvolverá dende as 10:00 ata as 14:00 horas en Castro de Rei.
Esta xuntanza diríxese a traballadores, empresarios, agricultores e gandeiros dos vinteseis concellos incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño que participaron en accións anteriores deste proxecto, que pretende formar aos asistentes nos usos actuais e potenciais dos recursos naturais e culturais dos seus municipios, visibilizar as potencialidades que ofrecen e aproveitar o patrimonio cultural como unha oportunidade para a creación de emprego.
Expertos de diferentes campos falarán sobre as oportunidades de desenvolvemento turístico identificadas en Terras do Miño así como as novas ferramentas para a promoción e comercialización, e presentaranse os proxectos ‘A Terra Chá a golpe de clic’ e ‘Viaxe pola Terra dos Andrade’.
O proxecto ‘e+s Miño’ continuará ata o mes de maio de 2011 coa posta en marcha de diferentes accións formativas, entre as que figuran cursos sobre o aproveitamento sostible da pedra, o turismo da auga, a xestión forestal sostible ou a empresa verde e a responsabilidade social corporativa.