Ir o contido principal

O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC participa nos Campus Científicos de Verán 2010

O profesor Luis Hervella Torrón é a persoa designada pola USC para coordinar os Campus Científicos de Verán 2010 que terán lugar en Santiago no mes de xullo, froito da colaboración do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ co Ministerio de Educación e a FECTY. Esta actividade terá lugar dos días 4 a 31 do vindeiro mes nos institutos e departamentos de investigación adscritos aos Campus de Excelencia Internacional das cidades de Madrid, Barcelona, Santander, Santiago de Compostela, Córdoba e Oviedo en dúas quendas de 14 días de duración cada unha. Os Campus Científicos de Verán diríxense a estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato matriculados en centros escolares españois e na rede de centros no estranxeiro. Os seleccionados estarán acompañados por monitores con formación científica que acompañarán e supervisarán as actividades de animación científico-cultural e a supervisión permanente dos participantes Nesta actividade a Universidade de Santiago oferta catro proxectos de investigación: ‘Sistema de tratamento para eliminar o contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijooo Costa; ‘Investigación en Ciencias Matemáticas’, de M. Victoria Otero Espinar; ‘Enfermidades dexenerativas. Do laboratorio á clínica’, de José Luis Relova Quinteiro; e ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’, liderado por Juan José Torres Labandeira. Ademais de participar nestes proxectos os estudantes terán ocasión de escoitar a profesores da USC en varias charlas. Así, Ángel Carracedo falará do xenoma humano; Jorge Mira da distancia que nos separa do firmamento e Enrique Macías Virgos das matemáticas. O programa inclúe tamén actividades lúdico-deportivas como visitas guiadas, roteiros ou excursións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2010.