Ir o contido principal

O programa Xuventude Mentoring acompañará a mocidade na súa transición á vida laboral

Imaxe de arquivo de estudantado diante da Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de estudantado diante da Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
A oitava edición do programa conta cunha oferta de 250 prazas que requiren de inscrición previa, ata o 27 de outubro

O Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria (CIXUG), integrado por USC, UDC e UVigo, lanza coa colaboración da Xunta de Galicia unha nova edición de Xuventude Mentoring, un programa integral de formación e mentoría para apoiar e acompañar a mocidade na súa transición á vida laboral tras rematar os seus estudos de grao, de formación profesional superior ou estudos superiores en ensinanzas de réxime especial. A oitava edición do programa conta cunha oferta de 250 prazas que requiren de inscrición previa, ata o 27 de outubro, a través dun formulario en liña. 

As persoas participantes no programa potenciarán as súas habilidades e competencias así como as súas expectativas para acadar un emprego, a través do apoio permanente dun equipo de persoas titoras, dun equipo de docentes especialistas nos distintos contidos a abordar e, sobre todo, dunha rede de persoas mentoras procedentes do propio empresariado de Galicia, que lles ofrecerán asesoramento e apoio profesional á medida ao longo das actividades do programa. 

Dende a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, destacan que “este programa conta cunha completa oferta de contidos para apoiar e acompañar as persoas mozas na súa transición á vida laboral, ofrecendo á mocidade un primeiro contacto coa súa área de coñecemento, con actividades formativas, visitas a empresas para que poidan crear a súa rede de contactos e co apoio permanente e continuo dun equipo de persoas titoras que acompañan todo o proceso”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2025.