Ir o contido principal

A programación de cursos de verán da USC analiza en Xeografía e Historia 'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)'

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

Expertos das tres universidades galegas, así como da Complutense de Madrid, da Universitat de Barcelona e do CSIC participan no curso de verán da USC ‘Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’, cofinanciado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia. O encontro celebrarase na Facultade de Xeografía e Historia entre os días 12 e 14 de setembro.
Na primeira xornada do curso analizaranse, entres outros, aspectos relacionados coa personalidade e traxectoria de Pascual Veiga e a problemática textual do Himno Galego. Ademais celebrarase unha mesa redonda arredor do ‘Debate dos símbolos: a recepción do Himno Galego’ completando o programa do primeiro día cun concerto a cargo de Teresa Novoa (soprano) e Alejo Amoedo (piano) sobre a canción galega.
Música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galego da Arxentina no período 1880-1940 será o tema do relatorio que iniciará a segunda xornada do curso. Ao longo do día 13 de setembro as intervencións afondarán na relación entre coralismo e nacionalismo e no significado do modelo Aires da Terra de Perfecto Feijoo. A segunda mesa redonda deste curso de verán estará dedicada ao uso e abuso da tradición na construción da identidade nunha sesión que inclúe ademais o concerto ‘O piano galego romántico e de vangarda’, da man de Alicia González Permuy.
Na derradeiro sesión do curso, a quenda de intervencións dirixiranse á análise do enxebrismo e o tío Marcos da Portela como arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega, da creación da Academia Galega, Pardo Bazán e a música, e un último relatorio sobre perfís de Galicia dende a vangarda: Jesús Bal y Gay. O curso pecharase co concerto ‘Lembranzas corais’, a cargo da Coral El Eco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2007.