Ir o contido principal

A programación de Cursos de Verán da USC para este ano inclúe 39 títulos en trece localidades de toda Galicia

Pablo Sampedro e Javier Garbayo na presentación aos medios de comunicación realiada na Sala de Prensa
Pablo Sampedro e Javier Garbayo na presentación aos medios de comunicación realiada na Sala de Prensa
A matrícula comeza o 30 de maio a través de internet, cunha taxa reducida para o alumnado universitario, de formación profesional, persoas desempregadas e persoal docente, investigador e de...

A oferta de cursos de verán da USC para este ano ascende a un total de 39 títulos que se celebraran nos campus de Santiago e Lugo así como noutras once localidades de toda Galicia. Os principais detalles desta edición dos cursos estivais da USC presentáronos en rolda de prensa o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Este ano, a programación de cursos desenvolverase nos Campus de Verán –denominación daquelas localidades que ofrecen máis de dous cursos- de Guitiriz, Ribadeo e Sarria, e nos concellos de Arzúa, Caldas, Foz, Lalín, Ribadumia, Sanxenxo, Folgoso do Caurel e Vilagarcía, que van acoller un respectivamente. Pola súa banda, o Campus de Santiago acollerá 18 cursos e o de Lugo 7 O abano de tema é tan variado como o propio número total de títulos ofertados, incluíndo entre as súas temáticas cursos sobre software libre, cuestións medioamientais, documentos e presentación científicas, a mediación con menores, o camiño de Santiago, reflexións económicas sobre a época de crise, a busca de aplicativos á lingua galega, estudos de xénero, xeración enerxética, dieta atlántica, cooperación para o desenvolvemento, a voz como ferramenta de traballo para o docente, desenvolvemento rural, historia, arte ou a custodia compartida dende un enfoque multidisciplinar. Os alumnos que se matriculen poderán validar a súa asistencia como créditos. Para o estudantado procedente de diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas a validación será en forma de libre configuración, 2 por cada curso de 30 ou máis horas e 1 polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para o de titulacións adaptadas ao EEES a validación será de 2 créditos por cada cursos de 25 horas ou más e dun para os de menos de 25. O prazo de matrícula abrirase o próximo 30 de maio para as persoas que realicen este trámite por internet, e a partir do 20 de xuño se o fan de modo presencial. Existen diferentes datas límites para formalizar o trámite, en función da data de celebración do curso. Así, este prazo remata o 8 de xullo para os cursos que se celebran na semana do 18 de xullo, o 15 do mesmo mes para os que se celebran a partir do día 25, ata o 26 de agosto para os que se celebran do 2 ao 11 de setembro, e ata o 2 de setembro para os da semana do 12 do mesmo mes. Taxa xeral e reducida A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, xeral e reducida. A primeira, de 120 euros para os encontros de máis de 30 horas e de 70 para os seminarios e xornadas que non superen esta cifra. A taxa reducida está dirixida aos estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas, así como PDI e PAS da USC. Neste caso, os prezos a pagar serán de 70 e 40 euros, segundo a carga lectiva do curso. As persoas interesadas poden recibir máis información na páxina web da Vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade (http://www.usc.es/cultura).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2011.