Os programas de axudas da USC por mor da COVID-19 incorporan unha liña para garantir a manutención do alumnado
A USC, tendo en conta a situación xerada como consecuencia da pandemia pola COVID-19, acaba de impulsar, tal e como xa sucedera no pasado curso, amplos programas de axudas dirixidos a facilitar o acceso e a permanencia nos estudos que a propia Universidade oferta. O obxectivo destas convocatorias consiste en atender solicitudes de axudas para estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios. A principal novidade deste ano académico 2020-2021 é a posta en marcha dun programa específico dirixido ao alumnado con necesidades económicas demostradas para compensar os gastos derivados da súa manutención.
Bonos de comedor
Esta nova liña ten por obxecto sufragar parcialmente os gastos de alimentación mediante a emisión de bonos de comedor intercambiables por un menú diario na franxa horaria do mediodía, nos días e períodos lectivos. Estes bonos poderán ser utilizados nas cafeterías e comedores universitarios indicados na convocatoria.
Docencia virtual
Asemade, a Universidade tamén acaba de convocar axudas para que o alumnado dispoña de conexión a internet suficiente e adecuada para poder empregar as ferramentas virtuais. O obxecto destas axudas é o cofinanciamento de servizos de internet coa finalidade de que os mozos e mozas poidan acceder ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica. O período subvencionable abarcará o gasto realizado desde o 21 de setembro ao 16 de xullo de 2021.
Equipos informáticos
O préstamo de material informático para o adecuado desenvolvemento da docencia non presencial é a terceira liña de axudas ofertada pola USC neste curso. Esta convocatoria ten como obxecto cubrir as necesidades do alumnado que non dispoña dos recursos materiais necesarios para o seguimento da docencia e/ou preparación das avaliacións, sexan de equipos informáticos ou dispositivos que permitan a conexión necesaria aos servizos de internet.
Dúbidas
As consultas sobre as convocatorias ou sobre a presentación de solicitudes dirixiranse á Oficina de Información Universitaria da USC a través do enderezo electrónico oiu [at] usc.es (oiu[at]usc[dot]es)