Os programas de voluntariado universitario no campus de Lugo rexistran no primeiro cuadrimestre preto de 30 participantes
Os programas de voluntariado universitario no campus de Lugo promovidos polo Servizo de Participación e Promoción Universitaria (Sepiu) ao longo do primeiro cuadrimestre do presente curso académico 2013-2014 rexistran a participación dun total de 27 persoas, das que 19 son membros da comunidade universitaria que se achegan por primeira vez ás actividades de voluntariado, participación e cooperación coordinadas polo Sepiu.
As estatísticas de participación na actividades coordinadas polo Servizo de Participación e Promoción Universitaria da USC no campus de Lugo aumentarán a comezos do vindeiro ano 2014, segundo apunta a responsable da oficina do Sepiu no campus lugués, Fátima Teixeiro, logo de coñecer o interese amosado por varias persoas para incorporarse a estas actividades ao longo do mes de xaneiro. Teixeiro sinala que o 40% das persoas voluntarias que colaboran no campus de Lugo están interesadas en obter o recoñecemento académico no marco das actividades solidarias e de cooperación. A Universidade de Santiago de Compostela outorga un recoñecemento académico ao desenvolvemento deste tipo de tarefas e/ou actividades. De feito, cada 25 horas de participación nos programas do Sepiu poden dar lugar a un crédito ECTS, lembra Teixeiro, que precisa que son 6 o número máximo de créditos que se poden recoñecer no expediente académico. Por áreas de coñecemento, a maior porcentaxe en canto aos estudos de procedencia é a de Ciencias Sociais e Xurídicas, co 44,5%, seguido a igual distancia por Ciencias da Saúde e Humanidades con cadanseu 22%. Os/as estudantes que cursan estudos de enxeñaría representan algo máis do 11% dos participantes nos programas de voluntariado no campus de Lugo. A participación nos programas de voluntariado promovidos e coordinados polo Sepiu está aberta a calquera membro da comunidade universitaria, independentemente dos estudos ou da experiencia que se teña, xa que contará co apoio dun responsable durante o desenvolvemento de calquera actividade. As persoas interesadas poden obter máis información na páxina web www.usc.es/sepiu ou a través do número de teléfono 982.82.35.94.