A promoción 1952-1957 da Licenciatura de Dereito da USC celebra este sábado as súas vodas de ouro
A promoción 1952-1957 da Licenciatura de Dereito da Universidade de Santiago celebrará este sábado, día 7, as súas vodas de ouro nun acto académico que presidirá o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José M. Mayán Santos.
Á cerimonia, que terá lugar ás 11:00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), asistirán ademais o presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Perfecto Yebra Martul-Ortega; o profesor que impartiu clase aos presentes, Francisco Porto Mella; e o representante dos antigos alumnos, Gonzalo Rodríguez Mourullo.
Logo do acto académico, o grupo trasladarase ás 12:00 horas ao Recanto da Saudade (Campus Sur) para descubrir unha placa conmemorativa e posteriormente asistirán a unha misa na Catedral, sendo Víctor Vázquez Portomeñe, tamén compañeiro da promoción, o encargado de facer a ofrenda.