A promoción 1955-1962 de Medicina celebrou as súas vodas de ouro

A promoción 1955-1962 da Licenciatura en Medicina volveu este venres ás aulas do centro compostelá no que se formaron para celebrar as súas vodas de ouro académicas. A xornada comezou cunha fotografía de grupo ás 10.00 horas na propia Facultade de Medicina, o que deu paso ao acto académico no que, presidido polo reitor Juan Casares Long, interviñeron en representación da promoción Rafael Tojo Sierra e Aurora Nestal Álvarez, e en representación do profesorado José Peña Guitián. Tomou a palabra tamén o vicedecano do centro, Víctor M. Arce Vázquez, e o vicepresidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Ángel Álvarez Prechous. Xa pola tarde o grupo acude ás 17.00 horas ao Recanto da Saudade (fronte ao Sanatorio da Esperanza, no Campus Vida) para colocar unha placa conmemorativa. A xornada remata cunha visita guiada á Cidade de Cultura.