Promoven nun simposio internacional a Aprendizaxe-Servizo como metodoloxía educativa eficaz na Universidade
A metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. O alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.
Para promover esta metodoloxía como vía efectiva de innovación educativa na educación superior, este venres 25 terá lugar en Santiago o ‘Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo na Universidade. Coidando a aprendizaxe e o capital social dos estudantes’. Está organizado polo Grupo de Investigación ESCULCA da USC e a Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa ACSUG, e terá lugar na sede da EGAP.
No encontro, recoñecido como actividade de formación para o profesorado universitario, estudarase o impacto da aprendizaxe-servizo nas dinámicas de avaliación da calidade nas universidades europeas, examinarase o grao de desenvolvemento do seu proceso de institucionalización e darase conta de resultados na aprendizaxe e capital social dos estudantes universitarios acadados na investigación.
Esculca Coordinado polo profesor Miguel Ángel Santos Rego, o grupo de investigación da USC Esculca traballa no eido da pedagoxía, prestando especial atención aos procesos motivacionais en educación, educación intercultural, xestión socio-educativa da inmigración, aprendizaxe cooperativa, pedagoxía da sociedade civil, pedagoxía laboral, antropoloxía cultural e dinámicas educativas e políticas educativas.