Ir o contido principal

A propiedade da terra e a xestión territorial, a debate este xoves na Escola Politécnica Superior ao abeiro do Máster Terra

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O maxistrado do TSXG Luis Villares Naveira abrirá a sesión ás 17.30 horas cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘O territorio: de quen e para quen?’

A propiedade da terra e a xestión territorial centrarán este xoves, a partir das 17.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, a temática dunha actividade formativa organizada ao abeiro do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (Masterra).

O maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Luis Villares Naveira abrirá a sesión cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘O territorio: de quen e para quen?’. De seguido, o mesmo escenario acubillará unha mesa de debate sobre a relación entre a propiedade da terra en Galicia, as actuacións das administracións públicas e as dinámicas territoriais. O director Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois; a profesora da USC e director do Instituto de Estudos do Territorio, Ines Santé Riveira; o presidente da Rede Galega de Custodia do Territorio, Óscar Rivas López; o enxeñeiro de Montes e presidente da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, e o enxeñeiro agrónomo e é director da área de cultivos e mecanización agraria da cooperativa Os Irmandiños, Santiago Sousa Lema, completan a nómina de relatores que tomarán parte neste debate. Este foro de análise incluído no programa formativo do Masterrra está orientado á participación de estudantes, profesionais, responsables políticos e sindicais, asociacións e ONGs, ademais de a todo o público interesado no devir do territorio e dos seus aproveitamentos, na xestión dos recursos naturais e tamén na actuación da sociedade en aras de asegurar súa sustentabilidade. A entrada é libre e de balde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2016.