Propoñen un mecanismo para protexer os resultados de I+D patentados en España
A investigadora e técnica do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE), Elena Pérez Carrillo, e o investigador suízo Frank Cuypers acaban de facer público un estudo que dá repaso aos principais sistemas financeiros de garantía para o investimento en I+D, particularmente no ámbito da Unión Europea. Os autores deste traballo propoñen ademais un mecanismo sinxelo e non moi custoso baseado no contrato de aseguramento, axeitado para Pemes e inventores individuais. O estudo acaba de presentarse en Madrid nun volume editado en castelán e en inglés grazas á colaboración da Oficina Española de Patentes e Marcas, da Fundación Alberto Elzaburu, da cátedra de innovación e propiedade industrial Carlos Fernández Novoa (o que fóra catedrático de Dereito Mercantil da USC) e da Fundación Mapfre. Segundo os autores do traballo, os indicadores sobre a I+D en Galicia, España e Europa amosan un relevante déficit de investimento dende o sector privado, situación que derivaría da complexidade da patente e da carestía da defensa dos litixios que xorden en torno a ela. Como engaden os expertos, para os inventores e innovadores industriais é practicamente imposible por motivos de custe a defensa fronte ás grandes multinacionais e fronte aos chamados “non purpose entities”.
Máis información en http://www.usc.es/gl/servizos/cede/estudios2.html ou dirixíndose ao correo cede [at] usc.es (cede[at]usc[dot]es).