A proposta colaborativa ‘Mulleres en círculo’ chega á Igrexa universitaria

‘Mulleres en Círculo’ é un proxecto de investigación e experimentación artística que versa sobre as formas de creación que se dan nos círculos de mulleres. Iniciado pola ourensana Reme Remedios (Romiña, 1972) en marzo de 2014 –con motivo do Festival ‘Miradas de Mujeres’-, parte dun círculo de 35 mulleres (artistas, xestoras e outras profesionais vinculadas á creación contemporánea) para continuar medrando no tempo e no espazo a través de máis de vinte encontros e tres exposicións temporais.
Esta proposta colaborativa “en proceso” chega este venres 18 á Igrexa da Universidade –i naugúrase ás 20.00 horas– co obxecto de transformar a acción artística en ferramenta para intervir na sociedade dende un posicionamento crítico, reivindicando o papel activo da muller na sociedade e no mundo da arte. Coa montaxe, na que participan a área de Cultura e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, trátase de propiciar a creación dun círculo de traballo artístico e feminista e favorecer unha reflexión colectiva sobre a historiografía dos círculos de mulleres en torno a tradicións consideradas domésticas e a súa aplicación polos primeiros feminismos no mundo da arte e a política.
A montaxe
Na súa orixe foron 35 as mulleres invitadas a sentarse en círculo para crear con outras mulleres. Formaron en DOSMILVACAS un círculo de 3,30 metros de diámetro e a partir das súas propias prendas de vestir construíron con estas mesmas medidas a peza que articula esta proposta expositiva: a Cabaña Vermella.
Inspirada nas tradicionais tendas lunares que algunha vez foron lugar de reclusión (e exclusión) para as mulleres durante os seus períodos menstruais, a Cabaña Vermella se transforma nesta proposta nun lugar de reunión e poder, ocupando o altar central da Igrexa da Universidade.
Partindo dun convite directo ás mulleres galegas implicadas xa nos primeiros círculos - Neves Seara, Mónica Mura, Loreto Blanco, Bea Romarty ou Carmen Llonín, entre outras, e colectivos de estudos feministas da cidade como o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) ou o Grupo L da Lila de Lilith- realizarase tamén unha convocatoria aberta a calquera persoa interesada, de xeito que o círculo de mulleres vaia aumentando en paralelo ao tempo expositivo.
Serán as propias artistas as responsables do espazo, coordinadas por Reme Remedios, Clara Rodríguez Cordeiro e 7H cooperativa cultural, establecendo previamente horarios de visita aberta e atención ao público, días de proxeccións ou accións artísticas e outros de traballo a porta cerrada.
A autora
Reme Remedios é artista, terapeuta e xestora cultural. Os seus coñecementos artísticos e a súa formación en técnicas de Gestalt son utilizados nas súas propostas artísticas como ferramentas para fomentar desde a arte o desenvolvemento do potencial individual e colectivo, apostando por aplicar a investigación científica á creación contemporánea. A aproximación de Reme Remedios ao mundo da creación comeza na súa adolescencia e a través da costura, elemento que substitúe pola pintura en canto comeza a súa formación en artes plásticas, para rematar fusionando ambos universos a partir do ano 2005. É dun xeito case casual que o mundo dos fíos e tecidos se entrelaza coas súas pinturas, e este modo de creación mixto supón tamén o nacemento das súas obras colaborativas.