Ir o contido principal

A proposta modular do novo centro de Ciencias da Saúde integrará a trama urbana do campus na contorna verde

Recreación parcial do novo centro de Ciencias da Saúde da USC
Recreación parcial do novo centro de Ciencias da Saúde da USC
O proxecto contará con aulario, laboratorios, espazos de investigación biomédica e un volume específico para as prácticas de Enfermaría
Santiago de Compostela

O novo centro de Ciencias da Saúde da USC será un espazo que se defina polo “carácter modular da súa proposta construtiva” e que ademais permitirá conectar a trama urbana do campus compostelán coa zona verde que se sitúa nas súas inmediacións. O reitor da USC, Antonio López, deu conta dos detalles da proposta acompañado polos seus autores, os arquitectos Jorge Salgado Cortizas, Celso López Martín, Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez. O proxecto presentado este martes 29 no Colexio de San Xerome contará con espazos docentes, un laboratorios, infraestrutura para investigación biomédica e un volume específico para as prácticas de Enfermaría. “A unidade e a diversidade nun só edificio” é o trazo que mellor define o proxecto, en palabras dos seus autores.

“Cada volume é un bloque funcional que se entende como parte do conxunto, e ao tempo, organízase de maneira autónoma, independente, como unha peza en si mesma”, explicou Celso López Martín. “Dispúxose, nunha orde moi sinxela, un único volume que conecta as dúas parcelas e dá unidade a todo o conxunto, trátase do aulario. Conectados a este volume principal a través de corredores soterrados, sitúanse tres caixas que, entre as árbores, como parte dun bosque, acollerán os laboratorios de Farmacia e investigación biomédica, así como as aulas prácticas de Enfermería”, explicaron.

A partir de agora, prevese un prazo de 18 meses para a redacción do proxecto da primeira fase que arrancará co Aulario de Farmacia, cunha superficie estimada de 11.918m2 e cuxa previsión de comezo de obras sitúase en 2024. Nesta fase tamén se inclúe unha central de biomasa para dar servizo ao novo edificio e ás edificacións próximas. Outras fases contempladas no proxecto son as instalacións dedicadas a Enfermaría (4.604m2), a investigación (2.890m2), e máis de 7.000m2 ampliables e destinados ao aparcamento, o que permitirá liberar superficie ocupada por vehículos potenciando os novos modelos de desenvolvemento peonil do campus.  

Concurso de ideas

A proposta da UTE composta por OIKOS Estudio SLP, Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín, impúxose no concurso de proxectos, resolto o pasado 21 de novembro, pola “coherencia da súa solución, fundamentada na correcta comprensión e análise das necesidades descritas nos pregos e no atinado diagnóstico dos principais problemas que se deben resolver”, subliña o ditame do xurado. A fórmula de implantación elixida fragmenta a dotación en volumes independentes. Esta estratexia identifica e asigna de forma clara os espazos de cada área funcional, ben adaptada á división en volumes.

Tamén se valora moi positivamente a calidade do proxecto urbano no que destaca o control das medidas e da escala dos volumes, así como o feito de que a articulación entre eles soluciona a transición entre as tramas urbanas. A UTE gañadora propón unha imaxe “clara e lexible” dende Avenida Mestre Mateo “sen crear tensións ou espazos residuais, sobre todo en relación co edificio Emprendia”. Valórase tamén a proporción de espazo baleiro en relación co edificado, cunha proposta de urbanización branda, que se prevé de gasto contido e acorde á fragmentación volumétrica do proxecto. Tamén é un valor positivo da proposta a redución do impacto do tránsito rodado e a énfase nas circulacións peonís máis frecuentes.

Tamén destaca a claridade organizativa das áreas funcionais así como as proporcións e conexións entre elas. “Resolve de forma sinxela e efectiva os requisitos de flexibilidade de uso dos espazos para as aulas, convertendo requirimentos como o aloxamento dos tabiques pregables en oportunidades expresivas na formalización da fachada”, afirma o ditame. A estrutura e a distribución das instalacións “é clara, organizada mediante plantas técnicas independentes, que facilitan o trazado das redes”. A decisión de independizar o volume destinado a laboratorios achega vantaxes funcionais, económicas e de seguridade.

Esta mesma coherencia advírtese no tratamento dos aspectos relacionados coa sustentabilidade, “cunha decisión lóxica de orientación dos espazos acorde aos usos”. Tamén destaca neste ámbito a proposta de cubertas axardinadas e a dimensión xenerosa das zonas verdes, consecuencia da reducida ocupación da parcela. Segundo o xurado, o proxecto gañador tamén se diferencia claramente do resto das propostas no que se refire á súa coherencia económica. “Elixe materiais e sistemas sobradamente probados que favorecen o control da execución e permiten anticipar os custos sen xerar dúbidas razoables”, sinala o ditame.

Finalmente, cómpre destacar que a idea que articula o proxecto mantense de forma coherente en todos os aspectos da proposta sen que se advirtan solucións dispares ou operacións alleas á lóxica das intencións iniciais. “Este apego á súa idea forza convértea nunha proposta nítida e depurada, tanto na súa formulación inicial como na súa formalización e execución”, conclúe o ditame.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2022.