Proxección do documental ‘Las Constituyentes’ e coloquio con Nona Inés Vilariño na residencia Jesús Bal y Gay

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC acubillará este martes 14 de abril, a partir das 17.30 horas, a proxección do documental ‘ Las Constituyentes ’, así como un coloquio posterior no que participará Nona Inés Vilariño Salgado, deputada da primeira lexislatura pola provincia da Coruña.
Esta actividade, dirixida á comunidade universitaria aínda que aberta ao público en xeral, está organizada pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a través da Oficina de Igualdade de Xénero. O obxectivo desta sesión é o de divulgar e dar a coñecer de xeito directo o testemuño de Nona Inés Vilariño Salgado, unha das 27 mulleres que desde o seu traballo parlamentario foron protagonistas na lexislatura constituínte de 1977, sobre a transformación democrática en España e doutros cambios a prol da defensa activa da igualdade entre mulleres e homes. A USC outorgará un diploma acreditativo de asistencia ás persoas que teñan formalizada a súa inscrición a través da páxina web www.usc.es/oix para participar nesta sesión, que se desenvolverá no salón de actos da residencia universitaria do campus lugués.