‘Proxéctate en galego’ presenta este mércores na Escola Politécnica Superior a sesión ‘O galego é unha oportunidade’

A plataforma universitaria ‘Proxéctate en galego’, promovida polas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo, celebrarán este mércores, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, unha sesión baixo o título ‘O galego é unha oportunidade’.
Nesta sesión, a través da que se pretende sensibilizar e poñer de relevo as oportunidades que brinda o feito de poder comunicarse en galego, intervirán como relatores José Ramom Pichel e Valentim Fagim, autores do libro ‘O galego é uma oportunidade’ Pichel e Fagim destacarán as vantaxes da comunicación en galego, unha lingua que abre as portas da lusofonía e dos seus 250 millóns de falantes. A proxección mundial do galego é indiscutible, do mesmo xeito que ocorre co castelán, que permite a comunicarse cos 400 millóns de persoas que o falan. Os dous relatores aproveitarán a sesión para reflexionar sobre a vantaxe competitiva que supón para os galegos o dominio de dúas linguas que abren as portas a dous grandes mercados no terreo profesional, cultural, audiovisual, turístico..., ao tempo que convidarán aos asistentes a tomar conciencia desta realidade para sacarlle proveito.