Ir o contido principal

O proxecto básico do futuro complexo dotacional de edificios de Ciencias da Saúde estará finalizado a comezos de 2018

O reitor Juan Viaño e Carlos Durán, logo da sinatura. Foto:Servimav-USC
O reitor Juan Viaño e Carlos Durán, logo da sinatura. Foto:Servimav-USC
O reitor e a UTE gañadora do anteproxecto asinaron este venres o acordo para a elaboración deste documento

O proxecto básico do futuro complexo dotacional de edificios de Ciencias da Saúde estará rematado entre finais de 2017 e comezos de 2018, segundo se recolle no acordo asinado este venres entre o reitor Juan Viaño e o arquitecto Carlos Durán Bellas en representación de B-CDB Arquitectura SLP e a UTE Sanabria & Planas/Gallego Arquitectos SLP, que o pasado mes de decembro foi elixida no concurso de selección de anteproxectos para deste complexo dotacional.

A partir da sinatura deste contrato, o equipo deberá presentar o proxecto básico, documento que engloba a memoria cos datos xerais do proxecto, a información previa necesaria, a descrición xeral do proxecto e, en particular, do edificio, así como as súas prestacións e a memoria construtiva no que constará aspectos como os sistemas de acondicionamento e instalacións, acabados, compartimentación ou sistema envolvente, entre outras cuestións de natureza técnica. O proxecto terá un custe de 354.142 euros máis IVE.

O pasado mes de decembro dérase a coñecer o ditame do concurso de selección do anteproxecto, outorgado á proposta presentada por B-CDB Arquitectura SLP e a UTE Sanabria & Planas/Gallego Arquitectos SLP. O proxecto asínano os arquitectos Humbert Costas Tordera, Ramón Sanabria Boix, Lidia Planas Rosell, Josep Gallego Álvarez e o galego Carlos Durán Bellas.

A proposta gañadora presenta un edificio lineal de planta baixa e tres alturas que se implanta perimetralmente no solar do hospital Gil Casares coa intención de formar un recinto controlado interior arredor desta edificación hospitalaria, que se rehabilitará para a súa conservación. A nova edificación basearase nunha estrutura de madeira e cunha especial atención á integración co seu contorno inmediato.

Ao futuro complexo dotacional, cun total de 32.391 metros cadrados construídos, trasladaranse as facultades de Medicina e Odontoloxía e de Enfermaría, ademais doutros espazos de usos comúns como auditorio, biblioteca, servizo de restauración e aparcamento.

De esquerda a dereita, Francisco Carracedo; o xerente da USC, José M. Villanueva; o reitor Juan Viaño; Arturo Campanero; Carlos Durán; e Jaime Esperón, da UTE. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2017.