Ir o contido principal

O proxecto campUSCulturae da USC reúne medio millar de escolares no Día Internacional dos Dereitos da Infancia

O proxecto campUSCulturae da USC celebra este martes 20 o Día Internacional dos Dereitos da Infancia cun acto no Auditorio de NovaGalicia Banco (Rúa do Preguntoiro) no que participarán máis de 500 alumnos de 11 centros de ensino de toda Galicia. A actividade inaugurarase ás 10.00 horas nun acto no que participarán o vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua da USC, Francisco Durán; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e Irene García García e Xosé A. Neira Cruz, coordinadores do proxecto europeo campUSCulturae co financiado pola Culture Agency da UE para pór en valor as culturas minoritarias e apostar pola diversidade cultural do planeta. Alumnos e alumnas de centros de ensino galegos de entre 6 e 14 anos presentarán, interpretarán e reivindicarán a Declaración Internacional dos Dereitos da Infancia aprobada por Nacións Unidas o 20 de novembro de 1959. Estas presentacións complementaranse con monólogos de Pablo Trasno; coa representación da performance teatral Living Room a cargo do artista estadounidense Joshua McCarey; coa actuación do violinista armenio-libanés Ara Malikian, un virtuoso preocupado pola promoción entre os máis pequenos da música como canle para entendemento intercultural, como demostra o concerto As miñas primeiras catro estacións; e co broche final da man dos Bolechas. Nesta ocasión participan escolares dos CEIP de Quintela (Moaña), ‘Humberto Juanes’ de Nigrán, ‘ Santiago Apóstolo’ de Mugardos e Centieiras de Fene; os Colexios composteláns ‘San Pelayo-Emma’, ‘ Divino Mestre’ e dos Remedios; o CPR Padres Franciscanos de Lugo; e os IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago, ‘Afonso X O Sabio’ de Cambre e o de Breamo de Pontedeume.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2012.