Ir o contido principal

O proxecto de divulgación científica da USC ‘Unha cebra na auga’ chega a 57 centros educativos galegos na súa segunda edición

Investigadores e imaxes do proxecto
Investigadores e imaxes do proxecto
A empresa Intelixencia Visual, colaboradora do programa, abre o proxecto ao ‘crowfunding’ para expandir e mellorar a iniciativa a través do mecenado

O proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’, promovido polos investigadores do Laboratorio de Peixes Cebra do grupo Acuigen da USC a través do que se pretende estimular novas vocacións científicas entre o estudantado galego da ESO, conseguiu implicar nesta segunda edición a 57 centros educativos radicados en Galicia

Segundo indica a catedrática de Universidade de Santiago de Compostela e responsable deste programa, Laura Sánchez Piñón, o elevado nivel de participantes rexistrado nesta segunda edición do proxecto supera as mellores expectativas do equipo promotor de ‘Unha cebra na auga’, , que aspiraban a dobrar a cifra dos centros participantes na edición de 2013, cando se adheriron a este proxecto 20 centros educativos galegos. Nesta segunda convocatoria, que botou a andar a mediados do mes de xaneiro coa presentación das bases e a apertura do proceso de inscrición, solicitaron a súa incorporación a ‘Unha cebra na auga’ un total de 57 centros educativos, dos 25 están emprazados na provincia da Coruña, 20 en Pontevedra, 10 en Lugo e dous en Ourense, precisou Sánchez Piñón. Os obxectivos fixados na segunda edición deste proxecto de divulgación da experimentación e estimulación de vocacións científicas no estudantado preuniversitario seguen a ser os mesmos que os marcados na primeira edición. Este cometido acada se cabe maior importancia nuns intres nos que, tanto no plano autonómico, nacional como internacional, está a diminuír a matrícula universitaria nas titulacións de perfil científico e tamén as achegas e o financiamento para proxectos de I+D+i, segundo dixo Sánchez Piñón. Nesta conxuntura de diminución de achegas e recursos de financiamento público, o proxecto ‘ Unha cebra na auga’, que é un dos tres programas impulsados na USC que conta con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), acadou o interese e apoio de entidades como a Fundación Barrié e a Deputación de Lugo, así como a colaboración da empresa Intelixencia Visual. Precisamente a empresa Intelixencia Visual apostou por abrir as portas do proxecto ao ‘ crowfunding’ ou micro mecenado, como unha vía para reforzar o financiamento do proxecto e difundir socialmente os obxectivos do proxecto A campaña de ‘crowdfunding’, que vén de impulsar Intelixencia Visual, reforza aínda máis o carácter innovador e pioneiro de ‘Unha cebra na auga’, un proxecto de mediación didáctica fundamentada no principio de educación baixo demanda que tamén poderá servir para explorar as vantaxes que pode ofrecer o mecenado para o desenvolvemento de proxectos científicos e de divulgación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2014.