Ir o contido principal

O proxecto DLT4All impulsa formación universitaria baseada en tecnoloxías Blockchain

O curso consta de oito módulos que se desenvolverán entre xaneiro e mediados de marzo
O curso consta de oito módulos que se desenvolverán entre xaneiro e mediados de marzo
O curso, que se celebrará entre xaneiro e marzo, é o produto principal deste proxecto internacional no que toma parte a USC, e que está a traballar na creación dun programa académico nesta tecnoloxía que responda ás necesidades do mercado laboral
Santiago de Compostela

A formación en tecnoloxías blockchain deseñada no marco do proxecto DLT4All, no que está a participar a USC a través do grupo de investigación GAME – IDEGA, botou a andar esta semana recompilando os resultados dos programas piloto que se veñen desenvolvendo dende o mes de setembro nos cinco países que integran o consorcio: Bélxica, Chipre, España, Grecia e Italia. Debido as actuais circunstancias no contexto da situación de pandemia creada pola COVID-19, esta formación desenvólvese en liña.

O obxectivo perseguido por esta iniciativa Erasmus + pertencente ao programa de Alianzas Estratéxicas, pretende desenvolver un programa de ensino universitario en tecnoloxías blockchain e DLT nas universidades europeas. “A innovación desta iniciativa radica en ser a primeira vez que as institucións académicas cooperan na creación dun programa de alta calidade neste eido”, destacou Manuel Fernández Grela, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

DLT4All busca involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co-creación do seu deseño, elaborado tanto dende a universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades do mercado laboral. O curso consta de oito módulos que se desenvolverán entre xaneiro e mediados de marzo. Máis adiante farase unha posta en común para recompilar as experiencias tanto do profesorado como do alumnado con propostas de mellora de cara a elaborar unha estratexia de sustentabilidade do programa. A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón

Relevancia do programa no contexto pandemia

“Tomando como base unha sondaxe elaborada no 2020 por KPMG para a CEOE, na situación de crise que xera a pandemia, as empresas españolas están volvendo a aliñar as súas prioridades estratéxicas cara á mellora de procesos e a transformación dixital. E dentro destas prioridades, o desenvolvemento da tecnoloxía asociada á blockchain vai ter un papel relevante”, destacou Fernández Grela. “Nesta mesma liña, unha investigación de AMETIC, ICEX e REALSEC estimou que as empresas españolas investirán máis de 120 millóns de euros en blockchain durante 2020, e que este investimento pode medrar arredor dun 50% nos próximos catro anos. Todo isto nun contexto no que os investimentos empresariais totais estanse reducindo”, concluíu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2021.