Ir o contido principal

O proxecto europeo eHospital que coordinan a USC e o CESGA en España, divulgado pola canle internacional de Televisión Española

A canle internacional Europa de Televisión Española emitiu recentemente unha reportaxe sobre o proxecto europeo eHospital que coordinan a USC e o CESGA en España. A produtora SZena TV realizou unha serie de 32 programas sobre I+D+i nas distintas comunidades autónomas nos que se recollían os proxectos máis novos e ambiciosos neste ámbito, especialmente aqueles que supoñen unha mellora para a cidadanía do contorno. eHospital sinalouse como un dos máis destacados en Galicia.
O Proxecto europeo eHospital foi financiado pola Comisión Europea no marco do programa Socrates/Grundtvig. Coordinado en España pola profesora Carmen Fernández Morante, do Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC, e Maria José Rodríguez Malmierca, do Departamento de e-learning do CESGA, o seu obxectivo é desenvolver un sistema de e-learning para a formación de pacientes adultos hospitalizados de longa duración.
A experimentación do sistema desenvolveuse en colaboración coa Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Como resultado do estudo piloto 13 pacientes desa Unidade obtiveron os correspondentes diplomas acreditativos do título de experto en Alfabetización dixital pola USC.
RecoñecementosA experiencia piloto española e-hospital foi premiada en 2007 co Computerworld que outorga unha relevante publicación do sector das Telecomunicacións. Este galardón fixo merecedor ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña do recoñecemento nacional como a institución pública que máis impulsou ese ano o uso do TIC para o benestar dos cidadáns. Tamén o Observatorio de Boas prácticas de Universidade e compromiso social da Global University Network for Innovation promovido pola UNESCO, a United Nations University e a Universidade Politécnica de Cataluña seleccionou o estudo piloto español como exemplo de Boa práctica.
No ámbito internacional o proxecto foi galardoado en 2008 co mais prestixioso premio á educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria. Un ano máis tarde recibiu da Comisión Europea o European Lifelong Learning Award, en recoñecemento pola súa contribución á innovación e á creatividade.
Froito da experiencia educativa exitosa levada a cabo tanto desde o punto de vista dos alumnos como dos profesionais médicos e pedagogos, as institucións españolas participantes contemplan ampliar o marco da experiencia máis aló do proxecto europeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2010.